Escoitar

O Pleno nomeará o ”Valedor do Cidadán”

venres, 26 abr 2002
A Corporación municipal reunirase o luns nun pleno ordinario con 24 asuntos na orde do día entre os que figuran o proxecto modificado de execución do aparcadoiro subterráneo na rúa Urzaiz e a proposta de nomeamento do ”Valedor do Cidadán”.

O Pleno someterá á aprobación o novo sistema constructivo presentado pola empresa Eloymar-Tranvías Eléctricos de Vigo UTE para executar a obra do aparcadoiro soterrado baixo a rúa Urzaiz. O Concello esixíralle á empresa a modificación do sistema constructivo para evitar a excavación a ceo aberto e para garantir que se puidera manter a circulación pola superficie da rúa durante a execución da obra.

O Pleno comezará coa intervención dun representante da Asociación de Nais e Pais polo ensino en galego para presentar a situación do uso da lingua e as medidas precisas para mitigar os efectos do incumprimento da lexislación vixente.

A Corporación designará á persoa que ocupe o cargo do Valedor do Cidadán que se encargará da defensa dos dereitos e intereses dos veciños de Vigo e poderá supervisar a actuación da Administración Pública municipal e o resto dos organismos e entidades dependentes dela.

O Pleno pronunciarase sobre a adhesión do Concello de Vigo a un convenio de colaboración para a xestión do cumprimento de penas de traballo en beneficio da comunidade. A coordinación do programa, que prevé a oferta de 45 prazas, dependerá da técnica responsable da Oficina Municipal de Voluntariado.