Escoitar

Iolanda Veloso salienta que a revista Festa da Palabra Silenciada cumpre 25 anos como foro en galego e plural

A concelleira de Igualdade e Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, presentou este mércores a nova edición da revista Festa da Palabra Silenciada, que celebra o seu 25 aniversario. Acompañada pola directora da publicación, María Xosé Queizán, a edil nacionalista subliñou que se trata dun foro "completamente editado en galego" e culturalmente plural no que se da voz ás persoas que investigan, en particular sobre feminismo.

mércores, 3 feb 2010
1265204307palabra.JPG
A concelleira de Igualdade destacou que o feito de que a Festa da Palabra se edite en lingua galega "demostra que co galego podemos chegar a todo o mundo", xa que é unha revista demandada e valorada no só en Galiza, senón tamén fóra. Asemade, fixo referenza á importancia de que a publicación dera paso ás investigacións realizadas por mulleres, "algo non sempre doado", apuntou. Neste sentido afirmou que tanto hai 25 anos como agora segue a ser "moi duro" ser feminista, xa que é preciso "loitar contra moitos prexuízos", ao non ter en conta que o feminismo non só busca a igualdade para as mulleres, senón "para todo o mundo".

Iolanda Veloso expresou os seus parabéns á María Xosé Queizán, polo 25 aniversario da publicación, e anunciou que o vindeiro venres, 5 de febreiro, terá lugar a celebración no Museo do Mar, ás 20 horas. Ao respecto, a directora da Festa da Palabra indicou que o acto contará con diversas intervencións de especialistas en feminismo, así como a representación do sketch do espectáculo "Neuras" a cargo de Ónfalo Teatro e a actuación musical de Cristal Méndez Queizán.

A directora da publicación explicou que a Festa da Palabra naceu coa intención de dar "visibilidade ás mulleres", posto que hai 25 anos "parecía que elas non existían e a sociedade era só masculina". Ao seu xuízo, os máis de 600 colaboradores e colaboradoras que ten a revista na actualidade poñen de manifesto que en Galiza había moitas mulleres que podían escribir e facer crítica, ao coincidir mulleres consagradas coas novas, e dar así paso á "renovación poética galega dos 90".

Respecto ao novo número da revista explicou que nel se fai balance destes 25 anos basicamente á importancia que supuxo a súa aparición para o movemento feminista, a súa relevancia na consideración de Galiza como vangarda deste movemento en referenza ao resto do Estado e servir de plataforma aos traballos de investigación sobre diversas escritoras ou diferentes temas políticos, culturais, sociais e científicos.
Descargar todas as imaxes