Escoitar

O salón ”Capacidade” e unhas xornadas técnicas ofrecerán propostas para a integración social dos discapacitados

martes, 16 out 2001
imx673.jpg
”Dependencia de adultos discapacitados, xeración de emprego e rehabilitación” son os temas centrais das xornadas técnicas organizadas pola Asociación Española de Enfermidades Musculares dentro do marco do salón monográfico ”Capacidade”, nos que colabora o Concello de Vigo.

A concelleira de Benestar Social, Belén Sío, explicou que con estas xornadas, que se desenvolverán do 2 ó 4 de novembro no Instituto Feiral de Vigo, se pretenden dar a coñecer os medios técnicos destinados ós discapacitados e a súa importancia como xacemento de emprego.

Belén Sío fixo tamén referencia á importancia da colaboración cidadá para a integración dos discapacitados na sociedade. Nestas xornadas inténtase reflexionar para conseguir un sistema de protección social, sanitario e económico á medida das necesidades dunha poboación discapacitada variada que require actuacións diferenciadas para cada grupo de afectados.

No salón participarán 80 firmas co obxectivo de romper o illamento, ofrecer información e formación dirixidas a facilitar unha maior autonomía e a mellorar a calidade de vida da poboación enfrontada a unha discapacidade. Presentaranse novidades tecnolóxicas existentes no mercado cun protagonismo especial das novas tecnoloxías, aplicadas como ferramenta de apoio de grande importancia para os diminuídos físicos.
Descargar todas as imaxes