Escoitar

A asociación Doa expón traballos dos seus usuarios con motivo do Día Mundial da Saúde Mental

mércores, 10 out 2001
imx657.jpg
Belén Sío con membros de Doa
A concelleira de Benestar Social, Belén Sío, realizou unha visita á exposición organizada pola Asociación de Axuda ó Enfermo Psíquico “Doa” con motivo do Día Mundial da Saúde Mental. A mostra permanecerá na lonxa do Concello de Vigo ata o xoves 11 de outubro.

Os visitantes poderán contemplar e comprar os distintos artigos que realizan de forma artesanal os usuarios do Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral da asociación e, ademais, terán a oportunidade de achegárense máis á problemática da enfermidade mental e encontrar asesoramento e toda a información que precisen ó respecto.


Asociación de Axuda ó Enfermo Psíquico

Doa constituiuse legalmente no ano 1987, coa iniciativa de familiares e persoas sensibilizadas coa problemática dos enfermos psíquicos, especialmente daqueles que padecen psicose esquizofrénica. Con esta asociación quérese rematar coa discriminación e illamento que sofren estes doentes e mailos seus familiares, case sempre debido ó descoñecemento e á falta de información por parte da poboación.

A asociación, como colectivo de familiares e simpatizantes, trata de unificar recursos e intereses. Pretende, ademais, modificar o concepto negativo que se ten desta enfermidade, para o que organiza debates e actos informativos co fin de lle proporcionar á opinión pública a información necesaria sobre ela.

Para tratar de contrarrestar os efectos negativos, este colectivo puxo en marcha en 1998 un Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral que pretende servir de ponte entre o hospital e a rúa a tódolos enfermos que acoden a el. As actividades de terapia ocupacional e psicolóxicas, atendidas por persoal especializado, van favorecer a reintegración no proceso de traballo e van retomar a comunicación co mundo exterior, evitando a inactividade e a falta de motivación e de pragmatismo que conleva a propia enfermidade.


CONTACTAR

Descargar todas as imaxes