Escoitar

O Concello ordena a "limpeza definitiva" da nave incendiada no Gorxal

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantivo hoxe martes un encontro co Director Xeral de Desenvolvemento Sostible e o delegado provincial da Consellería de Medioambiente da Xunta. Tras a reunión, o mandatario local informou que "nun par de días", previa autorización dos xulgados, se procederá á retirada dos deterxentes e lexías restantes e ao apuntalamento de emerxencia da nave calcinada.

martes, 16 set 2008
O Concello de Vigo encargará a retirada dos deterxentes e lexías que permanecen dentro da nave calcinada no polígono industrial de O Gorxal, en Cabral.

Esta "limpeza definitiva", en verbas do rexedor municipal, será realizada por unha empresa externa especializada, e foi acordada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, xunto aos concelleiros de Distritos, Medioambiente e Urbanismo, quen mantiveron hoxe martes un encontro co Director Xeral de Desenvolvemento Sostible e o delegado provincial da Consellería de Medioambiente da Xunta de Galicia.

Segundo informou o alcalde, a intención do Concello é que "nun par de días", previa autorización dos xulgados, poida procederse á retirada dos produtos e dun depósito de gasóleo que non reviste perigo, tal e como explicou o propio Abel Caballero. O proceso total podería alongarse durante "tres ou catro días", avanzou.

Paralelamente, a empresa apuntalará as zonas nas que vaian entrando para garantir a seguridade, conxuntamente con SOGARISA, encargados de retirar os residuos, e coa Policía Local, que extraerá algún vehículo que impide a extracción dos produtos.

Unha vez acometido o apontoamento de emerxencia, subliñou o alcalde, a nave quedará pechada á entrada. Os traballos, adiantou, serán supervisados pola Alcaldía e polas concellerías de Medioambiente, Seguridade e Urbanismo do Concello de Vigo.

Rexeneración do Lagares
Abel Caballero explicou que os técnicos de Medioambiente aconsellan que a recuperación do Lagares non se efectúe mediante unha intervención externa, xa que o propio río conta con capacidade de rexeneración.

O alcalde explicou que esta mañá se deu a orde da retirada das barreiras de contención que se instalaron ao longo do Lagares desde a pasada fin de semana, xa que a balsa que recolle os líquidos procedentes da nave en caso de choivas está a funcionar "francamente ben". Este mecanismo se está a consolidar, salientou o rexedor, e está preparado para soportar "chuvias torrenciais".