Escoitar

As Xornadas Marisqueiras repartirán 60 toneladas de marisco os días 12, 13 e 14 de setembro no Berbés

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o presidente do Porto, Xesús Paz, presentaron hoxe as VI Xornadas Gastronómicas e Marisqueiras "VigoMar 2008) que se desenvolverán os días 12, 13 e 14 deste mes no Porto Pesqueiro do Berbés. Os organizadores explicaron que se poderán degustar ata 42 variedades de mariscos e tamén se incorporan nesta edición algúns pescados. Estímase que durante os tres días das Xornadas se repartan unhas 60 toneladas de marisco.

mércores, 10 set 2008
1221050132marisqueiras.jpg
O tenente de alcalde agradeceu o apoio que a Autoridade Portuaria está á ofrecer para a celebración deste evento, ao tempo que felicitou aos organizadores "porque esta festa gastronómica estase consolidando a pasos axigantados como unha das máis importantes do país". Santi Domínguez salientou que ademáis de ser un evento de exaltación do marisco, co que debe contar unha cidade mariñeira como Vigo, é tamén un atractivo turístico que fai que se acheguen á nosa cidade persoas de moi diferentes lugares do Estado.

"A pouco que as condicións metereolóxicas nos acompañen vanse superar as cifras do ano pasado, no que pasaron polas Xornadas máis de 50.000 persoas. Temos tamén que aproveitar que nos mesmos días estarase celebrando a Powerboat para realzar aínda máis VigoMar 2008", sinalou o tenente de alcalde. A este respecto, fixo fincapé na necesidade de que á cidade "resposte, porque si queremos que Vigo sexa un referente os vigueses e as viguesas teñen tamén que contribuir. Santi Domínguez explicou que os prezos das Xornadas Marisqueiras "están perfectamente axustados á crise".

O presidente do Porto, Xesús Paz sumouse tamén á ese chamamento á participación da cidadanía, que poderá aproveitar á celebración das Xornadas Marisqueiras para coñecer o porto pesqueiro do Berbés e o traballo das preto de 7.000 persoas que nel traballan. Xesús Paz adiantou que na edición deste ano daráselle o nomo dunha rúa do porto a Asociación de Comercializadores de Pescado de Vigo, como recoñecemento ao seu labor.

As Xornadas Marisqueiras inauguraranse os venres ás 13:00 horas coa lectura do pregón a cargo do xornalista Jacobo Buceta. Ao longos dos tres días de celebración, ademais de poder degustar os mellores produtos do mar tamén haberá actividades paralelas como pasarrúas, concertos, hinchables gratuitos para nenos e unha carreira popular.
Descargar todas as imaxes