O alcalde traslada o pésame pola morte de Antón Pulido
Abel Caballero transmitiu as condolencias no nome da cidade á familia do “grande artista”, a quen se referiu como “gran amigo persoal e persoa excepcional” que permanecerá na memoria de Vigo.
Tras coñecer o pasamento “do grande artista”, o rexedor trasladou o pésame e as condolencias, no seu nome e no de toda a cidade, á familia pola perda dun referente da arte galega. Ourensán afincado en Vigo, pintor, gravador, ilustrador e xestor cultural, Antón Pulido dedicou toda a súa vida á arte.
O alcalde referiuse a Pulido como un “gran amigo persoal, persoa excepcional, mestre da pintura e do gravado e un docente magnífico que ensinou a tanta xente da cidade” como mestre en diferentes espazos e tamén en centros educativos.
“Vigués Distinguido” no ano 2006, Caballero transmitiu a tristura desta despedida pero tamén “o gran legado” que nos deixa. “Queremos acompañar á súa familia neste momento de tanta dor” e avanzou que a cidade “quería e segue querendo a Antón Pulido, que vai permanecer aquí, en Vigo, na nosa memoria. Esta cidade quérete e recórdate”.