Escoitar

Caballero insta á Deputación reeditar o convenio de 2016 para apoiar os voos de Peinador

O Pleno aprobou este luns, con 17 votos a favor do grupo socialista e 8 en contra, de Partido Popular e Bloque Nacionalista Galego, a moción que insta á Deputación e á Xunta a asumir cada unha un terzo do custo das novas contratacións de voos desde o aeroporto de Vigo. Abel Caballero censurou o voto contrario e defendeu un modelo de financiamento compartido entre as tres administracións.

luns, 7 set 2026

Os concellerios do  PP e do BNG votaron en contra de apoiar voos no aeroporto de Vigo, segundo sinalou Abel Caballero este luns tras a sesión plenaria. O alcalde censurou a posición das dúas formacións e afirmou que “queren que os voos de Vigo os pague na súa totalidade o Concello”, expoñendo que  "queren que a Deputación e a Xunta gaste noutros lugares”, polo que considerou que “votaron en contra da cidade”.

Caballero reiterou a proposta do goberno municipal para repartir entre as tres administracións o financiamento das novas conexións aéreas de Peinador. O rexedor lembrou que este modelo xa se empregou coa Deputación de Pontevedra cando Carmela Silva presidía a institución provincial. “O mesmo que firmou Carmela Silva sendo presidenta da Deputación no ano 2016 para voos do ano 2017, 2018 e 2019, pagando a Deputación un terzo de voos que ían a Valencia, a Mallorca e a Ibiza”, explicou. Daquela, segundo apuntou, o Concello asumiu os dous terzos restantes porque a Xunta non participou no acordo. Caballero reiterou a disposición do Concello a subscribir un convenio no que cada administración asuma unha terceira parte do custo das conexións.

Caballero contrapuxo esta situación coa política aeroportuaria desenvolvida en Santiago de Compostela e asegurou que a Xunta financia conexións desde o aeroporto compostelán. “A Xunta paga voos, non paga publicidade, paga voos”, afirmou, incidindo en que tamén participou anteriormente no financiamento das rutas de Ryanair. “Só hai un modelo para ter voos nos aeroportos. O que usa toda España, toda España. Pagarlle ás compañías, manifestou o alcalde, que cuestionou a proposta da Deputación de financiar publicidade: “Vai pagar publicidade de voos que non existen”.

Votación

A Corporación viguesa aprobou no Pleno desta mañá a moción do grupo municipal Socialista que insta á Deputación de Pontevedra e á Xunta de Galicia a financiar cada unha un terzo do custo das novas contratacións de voos desde o aeroporto de Vigo. A iniciativa saíu adiante con 17 votos a favor, 8 en contra e ningunha abstención. A proposta reclama que a Xunta e a Deputación se comprometan a aboar cada unha un terzo do custo das novas contratacións de voos que se realicen desde Peinador, “a través de contratos de publicidade coas compañías que efectúen os voos”, asumindo o terzo restante o Concello de Vigo. Carlos López Font sinalou que "resulta curioso que noutras cidades galegas non se utilice a fórmula de publicidade que respalda a Xunta de Galicia senón que son fórmulas xurídicas como as que defende o Goberno de Vigo" e engadiu que "resulta sorprendente que a única Deputación que aporta fondos sexa a da Coruña e que a de Pontevedra siga sen facer ningún esforzo por trasladar recursos económicos ao Concello de Vigo para cofinanciar o apoio ao aeroporto".

Descargar todas as imaxes