Escoitar

O Concello investirá 210.000 euros nas fachadas dos locais de Porta do Sol e Elduayen

A Xunta de Goberno aprobou a licitación das obras, que crearán unha fachada continua con iluminación ornamental e unha pantalla de información.

venres, 4 set 2026

Abel Caballero informou da aprobación da licitación das obras de reforma das fachadas dos locais situados en Porta do Sol e no inicio da rúa Elduayen, cun investimento de 210.000 euros. O obxectivo, explicou, é transformar a súa imaxe para que estean “acordes coa beleza e a solemnidade da Porta do Sol”.

A actuación consistirá en revestir os locais para configurar unha fachada continua e uniforme, integrada na conexión entre Porta do Sol e Elduayen. O proxecto incorporará ademais iluminación ornamental para realzar o conxunto. Na nova fachada instalarase tamén unha pantalla informativa destinada a divulgar a actividade da cidade. Caballero apuntou que poderá empregarse para anunciar as exposicións da Pinacoteca, a programación cultural ou as festas, converténdose nun novo punto de información para a cidadanía.

Reforma da pasarela de Teófilo Llorente

Esta licitación suporá un investimento de 85.000 euros. Trátase da estrutura que conecta a Praza da Pedra co Miradoiro da Pedra, na contorna da conexión cara á zona portuaria. O prazo previsto para a reforma é de tres meses.

Caballero explicou que as vigas e os piares presentan danos localizados e que a acumulación de auga deteriorou o pavimento. A actuación permitirá retirar a superficie desgastada e instalar un novo pavimento, ademais de actuar sobre os elementos metálicos e reforzar os piares e as vigas.

Descargar todas as imaxes