Caballero defende a nova A-52 en túnel ante a elevada sinistralidade da actual autovía Vigo-O Porriño
“A A-55 é unha vía perigosísima e cada día convértese nunha trampa para miles de vehículos que a percorren de Vigo ao Porriño e do Porriño a Vigo”, afirmou o alcalde. Segundo os datos da Dirección Xeral de Tráfico, acumula preto de 3.000 accidentes, uns 2.000 feridos e 10 falecidos nos últimos dez anos.
Abel Caballero reiterou a necesidade de construír a nova autovía A-52 entre Vigo e O Porriño como alternativa á actual A-55, unha vía pola que circulan arredor de 60.000 vehículos diarios. Só en 2025 rexistráronse 283 accidentes na autovía, que concentrou arredor do 30% dos sinistros de tráfico contabilizados na provincia de Pontevedra. A Dirección Xeral de Tráfico cifra, nos últimos dez anos, en preto de 3.000 accidentes, uns 2.000 feridos e 10 falecidos, ademáis de contar con varios tramos identificados no corredor como de concentración de accidentes.
O rexedor contrapuxo esta situación co proxecto do Goberno de España para dar continuidade á A-52 entre O Porriño e Vigo, cun novo trazado que conectará coa A-55 no nó de Baruxáns, cun investimento previsto que rolda os 389 millóns de euros. O rexedor lembrou que o proxecto se atopa en tramitación despois do período de exposición pública e defendeu que permitirá reducir os tempos de percorrido e, sobre todo, mellorar a seguridade da conexión entre Vigo e a súa área metropolitana. “Levamos décadas reclamando esta autovía e agora o Goberno de España está disposto a facela e financiala”, sinalou.
O alcalde volveu criticar a oposición do PP e do BNG ao trazado proposto. No caso da alternativa baseada na AP-9, o alcalde incidiu en que obrigaría a realizar un percorrido notablemente máis longo e atravesar sucesivos enlaces para chegar desde Vigo á A-52. O rexedor mantén que a AP-9 ten unha función principalmente de circunvalación, mentres que a nova A-52 funcionaría como unha vía directa de entrada á cidade. Esta posición xa foi defendida polo goberno municipal ante a proposta dos nacionalistas de retirar o actual proxecto.
“A nova autovía vai dar seguridade, aforrar accidentes, vidas e moito tempo”, afirmou Caballero, quen asegurou que Vigo continuará defendendo unha infraestrutura que considera esencial para resolver os problemas de capacidade, seguridade e mobilidade da actual conexión co Porriño.