Zona Franca investirá máis 12 millóns de euros no aparcamento da ETEA
O alcalde censura que a Xunta de Galicia non achegue os recursos económicos para que o Concello acometa a urbanización da ETEA e valora que sexan Zona Franca e o Goberno municipal os que a “salven”.
Abel Caballero avanzou que Zona Franca asumirá as obras de urbanización da Etea e a construción do aparcamento cun investimento superior aos 12 millóns de euros. “Desde o Concello e a Zona Franca estamos salvando a ETEA”, asegurou.
O rexedor lembrou que desde marzo de 2023 está reclamando á Xunta os recursos económicos necesarios para executar a urbanización da ETEA “dado que é un ámbito municipal e a Xunta dixo que non e que non faría o aparcamento”. Tal e como apuntou, este é o procedemento habitual citando como exemplo a humanización da Avenida de Madrid “que financia o Goberno de España maioritariamente e executa o Concello, como propietario do solo”. Ante esta situación, a Zona Franca asumirá as obras.
Aeroporto
Sobre o aeroporto, Caballero acusou á Xunta de non “querer apoiar voos en Vigo”, logo de que manifestase o seu rexeitamento a financiar a terzos o voo de Vigo a Londres xunto coa Deputación de Pontevedra. Así, lembrou que un alto cargo da Xunta confesou nunha das reunións internas que fretaran varios voos charter desde o aeroporto da Coruña. “Están mentindo”, asegurou.