Escoitar

Abel Caballero: “Louzán segue sen dar explicacións e ten que dalas; hoxe moito máis ca onte”

O alcalde asegura que “toda a cidade está indignada” ante as novas publicacións do diario El Mundo nas que se escoita ao comité avaliador do Mundial 2030 da Federación Española de Fútbol expresións como “meter ata 800 veces os valores ata que cadre o resultado” e banalizando os criterios de baremación.

martes, 25 mar 2025

Abel Caballero segue a pedir explicacións á Real Federación Española de Fútbol e ao presidente Louzán tras coñecer parte dun audio da reunión do comité que valorou as sedes candidatas para o Mundial 2030. “A cuestión hoxe é moito máis grave ca onte”, manifestou o rexedor ante as expresións recollidas polo diario El Mundo.

“Imos meter valores ata que cadre o resultado”, pode escoitarse neses audios por parte da responsable avaliadora do Comité Técnico do Mundial 2030 de la RFEF, María Tato. Caballero cualificou de “gravidade extrema” estas declaracións e a información revelada hoxe polo xornal de tirada nacional “porque o Mundial ten repercusión en todo o mundo e aquí aparece este esperpento”. Unha situación pola que “toda a cidade está indignada”, afirmou o alcalde.

O alcalde considera que a RFEF e o seu presidente deben dar explicacións. “Louzán segue sen dar explicacións. A persoa que comunicou que Vigo non ía ser sede do Mundial, que solicitou un listado das sedes elixidas e aparece Vigo e 48 horas despois aparece outro listado no que Vigo xa non está segue sen dar explicacións e tenas que dar, hoxe moito máis ca onte”, subliñou. “Teñen que explicalo todo, esixo publicidade e transparencia, que publiquen na páxina web todas as cualificacións de todas as candidaturas”, incidiu.

“Estamos a falar dun Mundial de fútbol, con notoriedade e repercusión e atopámonos cun proceso escurantista e inadmisible. E claro que é importante ser sede ou non, e por iso nos presentamos cun proxecto que consideramos moi bo”, explicou o alcalde. Amais, criticou á concelleira do PP de Vigo, Luisa Sánchez, por falar onte de “carencias” no proxecto “e sumarse ás posicións contra Vigo”: “Onde están as carencias? Presentamos un proxecto magnífico, tanto que estaba no primeiro listado de sedes elixidas. Una vez máis o Partido Popular en contra de Vigo”.

Descargar todas as imaxes