O alcalde pon en valor a “grande transformación” que suporá a rehabilitación da Panificadora
A Xerencia de Urbanismo aprobará a próxima semana o inicio do expediente de contratación da redacción do proxecto de expropiación do ámbito da Panificadora para recuperar e protexer o espazo.

O goberno municipal inicia a recuperación do ámbito da Panificadora coa contratación da redacción do proxecto para acometer as expropiacións nun dos “dos espazos públicos máis importantes da cidade”.
Abel Caballero salientou a “grande transformación” que proxecta o goberno municipal nunha zona “notable, que a historia condenou a estar abandonado durante décadas e décadas e décadas”. Coa actuación prevista, “imos protexer e recuperar a Panificadora que é testemuño da arquitectura industrial característica da evolución da cidade”, un inmoble de primeiros do século pasado con edificios catalogados. Así, recalca, “recuperamos o noso patrimonio histórico” e conformamos unha “zona de utilización da cidade”.
O ámbito da Panificadora, cunha superficie aproximada de 9.500 metros cadrados, está destinado a equipamento dotacional múltiple xunto coa obtención de espazos libres de uso público colindante e inclúe a ordenación detallada do espazo situado entre a Praza do Rei, a rúa Santiago, a rúa Cachamuíña e a rúa Falperra.
Tal e como explicou o alcalde, coa rehabilitación que proxecta o Concello “crearemos novos espazos que conecten a Praza do Rei coa rúa Santiago e o Casco Vello. Amais haberá comunicación directa entre Paseo de Alfonso coa Praza do Rei, a través de Falperra e rúa Santiago”.
O tempo estimado para a redacción do proxecto de expropiación é dun ano.