Escoitar

A Noite Branca nos museos municipais ofrece música, obradoiros e visitas guiadas para tódolos públicos

O Concello organiza o vindeiro venres, 26 de xullo, unha programación especial para “redescubrir o noso patrimonio” a través dos museos, que permanecerán abertos desde as 20 horas do serán e ata as 2 da madrugada.

mércores, 17 xul 2024

Vigo celebra unha nova edición da Noite Branca na rede de museos municipais que o próximo venres, 26 de xullo, acollen unha xornada especial na que as coleccións e as exposicións se revisten de música e outras actividades: visitas guiadas, concertos, obradoiros… “para redescubrir o noso patrimonio museístico” con apertura desde as 8 da tarde ata as 2 da madrugada.

Tal e como avanzou o alcalde este mércores, as actividades son gratuítas e para tódolos públicos, con reserva previa necesaria para algunhas actividades. “Convidamos a toda a cidadanía a gozar da Noite Branca, do inmenso alude de actividades completamente gratuíto”.

No Museo de Castrelos haberá un obradoiro de cerámica castrexa de 20:30 a 22 horas (con reserva), visitas guiadas cada hora desde as 20 ás 23 horas (non precisa reserva) e visita libre entre as 20 horas e as 2 da madrugada. Ademais, os Xardíns de Castrelos acollerán un xogo de pistas para público de 8-14 anos (sen reserva), unha visita guiada ao xardín histórico, música e danza na parte dianteira da man do espectáculo de Neonymus “Ritos do esquecemento e memorias prehistóricas” ás 00 horas; trátase de música polifónica con danza contemporánea e performance apoiada en videoproxeccións.

A Pinacoteca Francisco Fernández del Riego ofrece visitas guiadas á mostra “O teu rostro na multitude. As miniaturas do Legado Policarpo Sanz e Irene Ceballos” e á nova colección Colmeiro. Tamén haberá ilusionismo de vangarda con Pedro Volta, con pases ás 20, 21:30, 23 e 00:30 horas para os que é preciso reservar. No exterior do museo, ás 20 horas, poderá gozarse de Animacreques da man de Catropés: zancos e danza nunha proposta de animación e intervención na rúa. Tamén poderán facerse visitas libres 20 horas ás 2 da mañá.

A Casa das Artes programa ás 20 horas o contacontos “Sentido emocións”, para o que é preciso reservar, igual que para dous obradoiros: “Laxeiro e os seus personaxes”, 21 horas, e o taller creativo “Imposibles” ás 20:30h. Poderá gozarse tamén da peza teatral “A libraría máxica” ás 22:30 horas. A música chega á Casa das Artes da man de “Xogo de espellos” de Javier Otero Neira, ás 00:30 horas para público adulto, con música para piano electrónica e orquestra. Amais haberá visita libre ás exposicións: Colección Luis Torras e Fundación Laxeiro.

O museo Verbum de Samil acollerá unha intervención artística de arte urbana de Tamara Baz no exterior do museo, os obradoiros “Marabillas xiratorias”, de xoguetes ópticos ás 21 horas para nenas e nenos a partir de 5 anos e con reserva previa; e “Vestir na Idade de Ferro”, un taller de vestimenta castrexa, tamén con reserva, ás 22:30 horas. Haberá teatro coa peza “Pum! Pum! Quen hai?”, ás 20 horas, para tódolos públicos sen reserva, e a música de “El cuarto dorado”, novo disco do vigués Carlos Gil e da actriz Cora Velasco, ás 00:30 horas, sen reserva. Visita libre para tódolos públicos.

Na Noite Branca a Casa Galega da Cultura permite a visita libre de 20 a 2 da madrugada das exposicións do Museo Francisco Fernández del Riego e "[Bi]Sions. Dúas miradas sobre Vigo", a mostra de fotografías de Antonio Gutiérrez e Jorge Lens.

O Marco ofrece visitas guiadas ás exposicións abertas nestes momentos ás 20, 22 e 00 horas: Daniel Verbis, Bosco Caride, Laía Argüelles e On The Table.

Villa Solita celebra a Noite Branca co concerto de Dúbida, ás 21 horas, con entrada libre ata completar aforo.

O Museo Liste programa a exhibición “Atando no peirao”, a cargo da Asociación de Redeiras do Baixo Miño e A Guarda, ás 20 horas, sen reserva, e visitas guiadas á exposición permanente e temporal ás 21:30 e ás 23 horas.

Descargar todas as imaxes