Escoitar

O goberno de Vigo dedica 440.000 euros anuais ás Escolas deportivas municipais

A Xunta de Goberno Local aprobou este venres o Programa Municipal de Escolas Deportivas “Achégate ao Deporte 2023-2027” e o convenio de colaboración para desenvolvelo cun investimento nese período que ascende a 1.779.000 euros.

venres, 7 xul 2023
O alcalde en foto de arquivo
O alcalde en foto de arquivo

Tal e como informou o alcalde, as escolas deportivas do Concello contaron neste curso 2022-2023 con 4.200 alumnos, un 19% máis que o ano anterior e a previsión para o próximo curso é a de superar as 5.000 prazas cubertas. O goberno municipal incrementou un 33% a achega para cada alumno ás entidades deportivas, de maneira que pasou de 6 a 8 euros mensuais a contía.

“Contamos con 56 entidades e federacións deportivas que utilizan de forma gratuíta os pavillóns, piscinas e campos de fútbol municipais e o o importe anual do programa ascende a 440.000 euros”, apuntou Caballero, mentres o importe para o período 2023-2027 acada 1.779.000 euros.

Para o alcalde, as escolas deportivas municipais son unha “grande máquina para fomentar a práctica do deporte entre os máis novos e as máis pequenas e pequenos”. Para formar parte do programa, as entidades deben ter as súas propias escolas en modalidades con arraigo; “queremos ter máis oferta, máis práctica, potenciar o acceso ao deporte das persoas con discapacidade, dinamizar o deporte nos centros escolares e fomentar a cultura do deporte en Vigo”.

Cuberta para o Centro Cultural de Becerreira

A Xunta de Goberno Local deu luz verde tamén ao proxecto para a cuberta lateral da pista deportiva do Centro Cultural de Becerreira en Cabral, por un importe de 213.000 euros. O rexedor explicou que o espazo xa estaba cuberto pero, ao estar situado nunha zona moi venteada, faise necesaria a cobertura lateral que será de aceiro galvanizado, cun cerramento mediante reixas fixas de lamas e reixas practicables que evitan a choiva e, ao que se sumará unha nova iluminación mediante proxectores instalados nos laterais.

Belén do Nadal

Quedou aprobada este venres amais a prórroga do contrato para a exposición belenística da campaña de Nadal por un importe de 56.000 euros e que seguirá facendo a Agrupación Belenista La Morana de Zamora. Caballero apuntou que se manterán as visitas guiadas para grupos e entidades de carácter social e poderanse seguir vendo elementos ornamentais que representen figuras e referencias da cidade. “Xa estamos preparando o Nadal” adiantou.

Descargar todas as imaxes