Escoitar

O goberno de Vigo revisa o custo do autobús ao CUVI e aforrará 300.000 euros sen afectar ao servizo

O alcalde cifrou a rebaixa da achega municipal a Vitrasa en 300.000 euros, froito do análise realizado do custe real do servizo das lanzadeiras ao campus. Os técnicos municipais informaron que o prezo é de 3,88 euros por vehículo e quilómetro, moi lonxe dos 5,26 euros acordados polo Concello nos anos 2000 e 2001.

luns, 21 abr 2014
Abel Caballero explicou que o análise realizado polos técnicos municipais, tras o encargo do goberno local acordado en xaneiro deste ano, reflicte que o custo real do servizo de lanzadeiras ao campus universitario vigués ascende a 3,88 euros por vehículo e quilómetro -está en vigor o pago de 5,26 euros desde a decisión do anterior goberno local nos anos 2000 e 2001-.

O alcalde afirmou que se estudará a cantidade a abonar á concesionaria, en virtude do novo estudo técnico, mais estimou que o Concello de Vigo aforrará uns 300.000 euros sen afectar ás rutas, ás frecuencias nin á calidade do servizo ao CUVI.

Caballero recordou que o transporte urbano á Cidade Universitaria dispón de 71 conexións desde a Praza de América e outras 66 desde a Praza de España nos días lectivos e o usuario da tarxeta universitaria abona un prezo de 65 céntimos en cada viaxe.