Escoitar

Benestar Social organiza un campamento de Nadal en Teis para promover a integración dos rapaces de 6 a 12 anos

Fomentar a integración dos nenos e nenas inmigrantes cos que non o son é un dos principais obxectivos do campamento de Nadal que organiza a Concellería de Benestar Social ata o 4 de xaneiro no barrio de Teis, segundo explicou hoxe a concelleira María Méndez. A iniciativa, que se ven celebrando dende o día 24 de decembre no CEIP San Salvador de Teis, está dirixida a 50 rapaces e rapazas de 6 a 12 anos na que maioritariamente participan inmigrantes.

xoves, 27 dec 2007
1198760768271207campamentointegracion.jpg
"Os períodos vacacionais, como as festas de Nadal, son espazos idóneos para o desenvolvemento de actividades lúdicas que apoien e complementen accións integradoras, sobre todo tratándose dos máis cativos", sinalou María Méndez na súa intervención. O barrio de Teis foi escollido para desenvolver esta actividade debido a carencia de actividades lúdicas gratuítas para neno e nenas, sobre todo neste tramo de idades, a carencia de espazos públicos de recreo onde os máis pequenos poidan relacionarse, a carencia de zonas verdes e parques infantís destinadas ao xogo e a diversión, a existencia dun alto índice de nenos e nenas estranxeiros que precisan de apoio relacional, e a carencia de servizos que faciliten a conciliación da vida familiar e laboral.

As actividades se desenvolven entre as 9.30 e as 19 horas, e inclúe o servizo de comedor, precisamente para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar dos pais e nais que traballan ao longo de toda a xornada. Os nenos poden participar en diversos obradoiros, deportes e danzas, así como excursións a diferentes instalacións museísticas de Vigo, como o Verbum e Naturnova. Deste xeito se estimulan e potencian as relacións a través das palabras e xogos que promoven a igualdade e se fomenta a educación medioambiental interactiva e novas tecnoloxías. Ademais, tamén se lles pon en contacto co patrimonio cultural galego, coa celebración mañá do Día de Galicia, escenificando o Camiño de Santiago e organizando unha festa popular galega na que haberá xogos populares e música galega, entre outras actividades. O 4 de xaneiro celebrarase unha grande festa que porá o punto e aparte ao campamento.

"Esta é a primeira actividade das previstas pola Concellería de Benestar Social", indicou María Méndez, quen subliñou que dende o departamento que dirixe quere "seguir traballando e dedicando todo o orzamento necesario para que a integración sexa unha realidade e así poder evitar os problemas que se dan noutros países, atallándoos de raíz". As seguintes iniciativas que se desenvolverán irán encamiñadas a "mellorar o acceso á vivenda e ao mercado laboral dos inmigrantes", segundo apuntou a concelleira.
Descargar todas as imaxes