Escoitar

A Concellería de Cascos Históricos iniciou xa o pago das axudas para a rehabilitación do Casco Vello e Bouzas

O Concello iniciou o pago das subvencións concedidas para a rehabilitación de vivendas no Casco Vello e en Bouzas que estaban pendentes. O proceso iniciouse a finais do mes de agosto e nestes dúas semanas repartíronse 34 axudas por un total de 216.477 euros.

mércores, 12 set 2007
1189596302casacovello1.jpg
A concesión destas subvencións sufrira un retraso derivado dos trámites administrativos que había que superar para valorar as solicitudes presentadas. O tenente de alcalde e concelleiro de Cascos Históricos, Santi Domínguez, coñeceu esta situación aos poucos días de tomar posesión e quixo darlle prioridade á resolución do problema. Tras manter contactos coa Consellería de Vivenda conseguíu que se aceleraran os prazos e comprometérase a que o máis tardar no mes de setembro se iniciara o pago das axudas.

"Entendimos que era preciso axilizar ao máximo o pago destas axudas porque os veciños e veciñas que fixeran as obras de rehabilitación levaban xa moito tempo agardando. Grazas a colaboración entre a Consellería de Vivenda e o Concello deuse saída xa aos expedientes que estaban mais avanzados e agora continuaremos traballando para conseguir acortar ao máximo os prazos da resolución das solicitudes pendentes", salientou o tenente de alcalde.

Santi Domínguez quere coidar especialmente estes procesos xa que entende que son unha peza moi importante cara á recuperación integral dos cascos históricos da cidade, obxectivo que se ten marcado como prioritario. A súa intención é que nos novos procesos de concesión de subvencións para rehabilitación de vivendas no Casco Vello e en Bouzas se axilice a tramitación e as axudas se fagan efectivas o antes posible.

Das subvencións concedidas ata o momento 21 corresponden á área de rehabiltiación do Casco Vello e as 13 restantes a Bouzas. O importe máximo que se ten concedido é de 16.666 euros para unha vivenda do Casco Vello. As axudas financianse coas aportacións que o Concello recibe da Consellería de Vivenda e do Ministerio de Vivenda.

O proceso continúa e nas vindeiras semanas darase saída aos expedientes que reciban a cualificación definitiva por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), que é o organismo que ten que evaluar se as obras de rehabilitación se axustan ao proxecto presentado. Nestes momentos quedan pendentes 23 solicitudes en Bouzas e 23 máis no Casco Vello, ademais doutros 19 expedientes que están pendentes de que os solicitantes incorporen máis documentación.

Estas subvencións concédense aos proxectos de rehabilitación de vivendas que reúnen uns determinados requisitos de execución. Unha vez rematada a reforma é preciso comprobar que a rehabilitación se fixo seguindo as condicións establecidas no proxecto e é entón cando se fai efectiva a subvención.
Descargar todas as imaxes