Escoitar

A Asociación Viguesa contra o Ruído pide menos de 30 decibelios nas casas

A Asociación Viguesa contra o Ruído pediulle hoxe xoves aos grupos políticos que valoren a posibilidade de situar o límite de saturación acústica para vivendas por debaixo dos 30 decibelios, durante a reunión da Comisión de Ruídos na que se debateu a modificación da Ordenanza Municipal de Protección do Medio.

xoves, 11 xan 2007
1168525586ruidos110107.jpg
A discusión sobre a modificación desta ordenanza, que será levada ao Pleno do próximo 29 de xaneiro, céntrase en aspectos como a inclusión das zonas saturadas de ruído nun réxime especial para a progresiva redución dos niveis sonoros exteriores, o establecemento dunha distancia mínima de 100 metros entre locais de ocio en todo o termo municipal e un maior control por parte da policía e da administración sobre os ruídos ocasionados polo ocio nocturno.

A modificación da ordenanza contempla, así mesmo, a posibilidade de habilitar a administración para adoptar medidas como a suspensión de outorgar novas licenzas de apertura, ampliación ou modificación para locais de ocio con música en tanto permanezan as condicións acústicas que orixinaron a declaración de Zona Acusticamente Saturada (ZAS).

Conforme á lexislación municipal vixente, considéranse como saturadas por acumulación de ruídos en horario nocturno as seguintes rúas: Pontevedra, Rosalía de Castro (I), Alfonso XIII, Areal, Rosalía de Castro (II), Montero Ríos, Rogelio Abalde, Martín Códax, Lepanto, Urzáiz, Inés Pérez de Ceta, República Arxentina, Colón, García Barbón (I), Churrruca, Cervantes, Luís Taboada, Praza de Compostela, García Barbón (II) e Uruguai.

A proposta do grupo socialista, a Comisión de Ruídos acordou que para a declaración de zona saturada primeiro farase unha medición dos niveis de ruído, despois da cal se abriría un periodo de alegacións. A suspensión da declaración como ZAS dunha rúa só se levaría a cabo despois de verificarse claramente, con medicións mensuais durante un periodo de tres meses, que o ruído nesa zona non supera o máximo permitido.
Descargar todas as imaxes