Escoitar

Catorce alumnos do Proxecto Actívate realizarán prácticas en empresas de transporte escolar este mes

As empresas de transporte de viaxeiros en autocar Monbús, Transportes Álvarez Vázquez e Estévez Avión asinaron hoxe luns cadanseu convenio de colaboración coa Concellaría de Desenvolvemento Local e Emprego para a realización de prácticas por parte de 14 alumnos e alumnas do Proxecto Actívate como acompañantes de transporte escolar nalgunhas das rutas de autobús que trasladan a diario a nenos e nenas da cidade aos seus respectivos colexios.

luns, 8 xan 2007
1168262599activate080107.jpg
Estas empresas de autobuses realizan de xeito autorizado pola Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, diferentes rutas de transporte escolar que benefician ao alumnado de Educación Infantil, Educación Primaria e ESO dos centros de ensino de Vigo. Na prestación deste servizo, os autocares destas empresas levan, tal e como esixe a normativa vixente, unha persoa maior de idade como acompañante, que se encarga do coidado dos/as menores durante o seu transporte.

Serán estas persoas, acompañantes titulares, as que supervisen as prácticas dos/as 14 beneficiarios desta iniciativa, que pola súa parte veñen de realizar un periodo de formación teorico-práctico pioneiro en Galicia, como acompañantes de transpote escolar. Grazas aos convenios asinados hoxe luns, estas 14 persoas poderán completar a súa formación con non menos de dúas semanas de "adestramento" nun ambiente real de traballo durante este mes de xaneiro.

O itinerario de inserción laboral que están a levar a cabo os 14 alumnos beneficiarios destes convenios compleméntase coa obtención do permiso de condución de autobuses (tipo D), así como con formación específica como condutores de transportes adaptados a persoas con mobilidade reducida.

O Proxecto Actívate está a facer un especial esforzo neste itinerario, convencido de que todo o proceso que están a desenvolver estas 14 persoas e que vai desembocar nunha triple saída laboral (condutor/a de autobuses-ambulancias, acompañante de transporte escolar e condutor/a de vehículos adaptados) se reflictirá moi positivamente nos resultados de inserción que finalmente se acaden.

Ademais do itinerario de inserción laboral de "monitor/a-condutor/a de transporte escolar e adaptado", o Proxecto Actívate rematou xa o de "experto/a en limpeza", e está a desenvolver os de "teleoperador/a", "axudante de cociña en centros escolares e sociosanitarios", "auxiliar de axuda a domicilio" e "lencería, lavandería e pasado de ferro".

O Proxecto Actívate é unha iniciativa da Concellaría de Desenvolvemento Local e Emprego do Concello de Vigo, integrada no Plan municipal de emprego 2004-2007, e subvencionada polo Ministerio de Administracións Públicas no marco do Programa Operativo de Fomento de Emprego a través da Subvención Global do Fondo Social Europeo.

O Proxecto Actívate está a dirixir as súas accións a favorecer a mellora da ocupabilidade de 90 demandantes de emprego do municipio de Vigo, prioritariamente mulleres con dificultades de inserción laboral e colectivos en situación ou risco de exclusión social, mediante a súa capacitación profesional, en seis itinerarios de inserción laboral para 15 persoas cada un deles, tres dos cales centran a súa capacitación profesional no sector dos servizos de atención a persoas .

Estes itinerarios prevén, ademais de módulos de formación específica e complementaria, módulos de práctica laboral, titorizada, co obxectivo de que as persoas beneficiarias completen o proceso formativo cun contacto real co ambiente de traballo en entidades ou empresas relacionadas cos ámbitos de formación aos que se refiren os itinerarios.

Polo tanto, unha das cuestións que o proxecto prioriza é o compromiso de participación de empresas e entidades de Vigo e o seu contorno coa posta en marcha destes módulos de práctica laboral nos diferentes itinerarios, a través da sinatura de acordos ou convenios de colaboración.

Descargar todas as imaxes