Escoitar

Patrimonio Histórico organiza o VI Seminario de Arte Románica

mércores, 6 feb 2002
imx1065.jpg
Santa María del Naranco
A arquitectura prerrománica asturiana será o tema central das conferencias do VI Seminario de Arte Románica que se impartirá do 16 de febreiro ó 9 de marzo no auditorio do Centro Cultural Caixanova. Os interesados poden inscribirse no Rexistro Xeral do Concello de Vigo.

A concelleira de Patrimonio Histórico, Carme Martínez-Corbalán, explicou que nesta edición o profesor Ocaña Eiroa pon a disposición dos amantes da arte románica a posibilidade de recibir coñecementos rigorosos sobre esta materia. Preténdense compartir entre os asistentes as informacións, experiencias e inquedanzas que terán a súa plasmación nas necesidades de difusión e conservación do legado arquitectónico.

A arquitectura prerrománica asturiana obxecto de estudio nestas xornadas foi declarada Patrimonio da Humanidade en 1985. O seminario impartirase cada sábado desde o 16 de febreiro ó 9 de marzo. ”Os comezos do reino”, ”O inicio do estilo”, ”Plenitude de formas” e ”Esgotamento e decadencia” son os temas de cada xornada.

Os interesados en asistir poden inscribirse no Rexistro Xeral do Concello ata o 14 de febreiro de 2001. Os dereitos de inscrición no seminario son de 1.500 pesetas.

CONFERENCIANTE

Francisco Xabier Ocaña Eiroa é natural de Vigo. Cursou estudios nas universidades de Salamanca e Santiago, licenciándose nesta última en Filosofia e Letras.

Na actualidade exerce a súa docencia como profesor numerario de Filoloxía Inglesa, rama na que se especializou. A súa constante preocupación por temas medievais levouno a cultivar e especializarse na arte da alta e baixa idade media, coa especial atención no románico, impartindo numerosos cursos e máis de un centenar de conferencias sobre o particular. Iso levouno a percorrer Galicia e España enteira visitando igrexas románicas, á vez de realizar multitude de veces o Camiño de Santiago polo mesmo motivo. Como froito das súas viaxes recompilou un arquivo de máis de 20.000 diapositivas que foi acumulando ó longo do tempo.


Entre as súas publicacións podemos atopar unha monografía sobre a igrexa románica de Portomarín co título San Xoan de Portomarín, situada no tramo galego do Camiño de Santiago: escribiu outra de maior estensión e especificación sobre o mesmo tema. Así mesmo publicou un relato literario sobre a xesta de Carlomagno e o Camiño de Santiago, co título Soñar en Roncesvalles. Unha segunda parte do relato literario sobre o Camiño de Santiago publicouse co título de Soñar en Compostela. Publicou tamén unha guía sobre o románico vigúes co título Itinerario escolar polas Igrexas románicas de Vigo.

Colaborou igualmente en revistas e periódicos, ademais doutros medios de comunicación. Participou en numerosos cursos, simposios e universidades de verán que trataban de temas medievais. Dirixiu para Radio Nacional de España vintecinco programas sobre o Camiño de Santiago. Colabora no xornal vigués Atlántico Diario cunha páxina dominical sobre O Camiño de Santiago-Anno Iacobi: É o autor dunha exposición de 150 fotografias sobre os monumentos do Camiño de Santiago, co título O Camiño Románico de Santiago.

É colaborador permanente, con artigos históricos sobre o Camiño de Santiago, da revista ”De monjes y peregrinos”, editada pola Comunidade Monástica de San Salvador de Monte Irago.

É membro da Comisión Diocesana de Patrimonio Artístico. Así mesmo, é fundador e director do Seminario de Arte Románica, creado polo Departamento de Patrimonio Histórico do Concello de Vigo, para especialización de profesores/as. Foi vicecomisario da exposición V Centenario Igrexa de Santa Maria de Vigo-Colexiata.

Nos últimos anos dirixiu na Universidade de Vigo tres cursos de verán cos títulos Os camiños de Santiago en Galicia, Historia da arte en Galicia e A Catedral de Santiago.

Dende 1986 dirixe e coordina, como conferenciante, os Ciclos de conferencias sobre o Románico, que con tal título organiza e patrocina a Deputación de Pontevedra, coas colaboracións da Universidade de Santiago, o Colexio de Doutores e Licenciados de Galicia-Sur, e a Universidade de Vigo. Tamén, por encargo da Deputación de Pontevedra e baixo a súa organización, imparte na cidade de Pontevedra anualmente desde 1991 un Ciclo Didáctico sobre Arte Románica.
Descargar todas as imaxes