Escoitar

O Instituto Municipal de Educación acolle mañá mércores unha xornada de traballo sobre inmigración e escola

A Oficina Municipal de Información a Inmigrantes e Emigrantes Retornados coordina a xornada de traballo que se desenvolverá mañá mércores no Instituto Municipal de Educación (praza da Industria, s/n) arredor da importancia cada vez máis palpable da relación entre inmigración e escola.

martes, 4 abr 2006
A xornada está dirixida a directores, orientadores e profesores de Educación Infantil e de Primaria do Concello de Vigo, co obxectivo de axudarlles a facer fronte ao aumento do número de menores estranxeiros verificado nos últimos anos nos centros públicos e nalgúns concertados.

Esta circunstancia novidosa vén dada pola reagrupación das familias dos inmigrantes, que se produce despois de os inmigrantes regularizados decidiren acollerse á lei que lles permite traer as súas familias desde os seus países de orixe. A Oficina Municipal, que é quen realiza as xestións necesarias nesta materia, tramitou desde xaneiro de 2005 un total de 59 expedientes para traer 97 menores de distintas nacionalidades, idiomas, culturas e formación.

Ata o de agora confirmaron a súa asistencia á xornada 37 colexios de Educación Primaria e seis de Infantil, ademais de nove asociacións de estranxeiros. O programa de traballo é o seguinte:

10:00 Saúdo e presentación da Oficina Municipal de Información a Inmigrantes e Emigrantes Retornados a todos os asistentes.

10:15-10:45 Traballo en grupos sobre a chegada dos nenos e nenas estranxeiros, a súa formación, as súas actitudes ante o ensino, os seus valores, a diversidade cultural, etc.

11:00-11:30 Rolda de prensa da concelleira de Benestar Social, Marta Iglesias, e a presidenta do Colexio Profesional de Traballadores Sociais, Pilar Couces.

11:30-11:45 Café.

11:45-13:00 Traballo en grupo sobre os seguintes temas:
- Accións que se están a desenvolver desde o sistema educativo na nosa cidade: protocolo de acollida, aula de apoio, reforzo de idiomas, etc.
- Accións que sería importante desenvolver para a integración: apoio familiar, redes sociais, infraestrutura da cidade, etc.
- Como ven os estranxeiros a escola e a Administración, e que dificultades teñen para entendelas.
- A globalización: unha festa de diversidade?

13:00-14:00 Conclusións.