Escoitar

A Casa de Acollida e o piso tutelado para mulleres maltratadas recibirán 103.000 euros da Deputación

A Casa de Acollida Municipal e o piso tutelado para mulleres maltratadas recibirán en 2006 algo máis de 103.000 euros da Deputación Provincial de Pontevedra, segundo un convenio asinado hoxe polo presidente desta institución, Rafael Louzán, e a alcaldesa de Vigo, Corina Porro.

martes, 4 abr 2006
1144157377louzan040406a.jpg
O ámbito deste convenio abrangue toda a provincia de Pontevedra, polo que o Concello de Vigo se compromete a reservar 10 prazas para poñelas a disposición dos restantes municipios. Este servizo, cuxo custo queda fixado en 12,38 euros ao día, será subvencionado cunha achega de 45.000 euros. Os 58.000 euros que completan a axuda da Deputación destinaranse ao mantemento da Casa de Acollida. O convenio estará vixente do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2006.

O obxectivo da achega económica da Deputación é garantir o funcionamento permanente do servizo e a atención a todos os municipios da provincia. Por este motivo, ademais, o Concello de Vigo deberá publicitar nos concellos da provincia un teléfono de urxencia que funcione as 24 horas do día, atendido por persoal especializado e que informe de maneira precisa sobre o recurso da Casa de Acollida.

Para Corina Porro, a colaboración entre o Concello e a Deputación pode servir para "avanzar na solución dun problema que merece todo o esforzo das institucións".

Atención e formación

Ademais de contaren cun espazo onde vivir lonxe do maltratador, na Casa de Acollida do Concello as mulleres reciben a atención e formación necesarias para teren máis e mellores opcións á hora de atopar un traballo que lles permita ser independentes economicamente, refacer a súa vida e cubrir as necesidades dos seus fillos.

Poden ingresar na Casa de Acollida de Vigo as mulleres maltratadas física e psicolóxicamente, maiores de idade, con ou sen fillos e que sexan capaces de valerse por si mesmas. As solicitantes teñen que ter presentado denuncia contra o seu agresor.

Polo que respecta ao piso tutelado, daraselles prioridade ás usuarias da Casa de Acollida, xa que o piso supón a derradeira fase de atención ás mulleres maltratadas antes da súa reinserción sociolaboral.

Adhesión dos concellos

Os concellos interesados en soclicitar o ingreso de mulleres na Casa de Acollida deberán adherirse ao convenio asinado hoxe entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo dirixindo un escrito ao presidente da Deputación. Nese escrito farán constar tamén o seu apoio económico a aquelas familias que carezan de recursos, a fin de cubrir tanto os seus gastos de desprazamento ao centro como os derivados da adquisición de artigos de primeira necesidade.

Unha comisión especializada encargarase de realizar o seguimento técnico das actuacións e da adopción de pequenas medidas que poidan repercutir no desenvolvemento cotián do centro. Dita comisión estará integrada por representantes da Deputación (a presidenta da Comisión da Muller, un funcionario técnico do Servizo de Acción Social e unha traballadora social) e do Concello de Vigo (a concelleira da Muller, a técnica da Oficina da Muller e a traballadora social do Servizo de Orientación á Muller).
1144157377louzan040406a.jpg
1144157391louzan040406b.jpg
Descargar todas as imaxes