Escoitar

A Oficina Municipal de Voluntariado organiza unha xornada de coñecemento da ría de Vigo

A Oficina Municipal de Voluntariado, en colaboración coa asociación Fontaiña, organiza o próximo sábado 24 unha xornada de coñecemento da ría de Vigo, que terá lugar na praia de Fontaíña (Coruxo), co obxectivo de mellorar a formación dos seus voluntarios.

mércores, 21 set 2005
A xornada de coñecemento do medio programada pola Oficina Municipal de Voluntariado inclúe un obradoiro de estudo do medio intermareal en Punta Helena (Praia de Fontaíña-Coruxo), que se desenvolverá o sábado 24, aproximadamente de 11:00 a 13:30. O espazo do obradoiro será o comprendido pola franxa litoral que discorre entre os areais de Baluarte, A Fontaiña e Calzoa.

A xornada virá precedida pola proxección, a partir das 19:00, no Salón de Actos do Centro Cívico do Casco Vello, do documental "As rías e o litoral galego", tras a cal terá lugar un coloquio co seu autor, o biólogo Jose Manuel García, investigador do Instituto de Investigacións Pesqueiras (CSIC).

Os princiapais obxectivos desta actividade son:

- Analizar e comprender as características e procesos ambientais dos espacios a visitar.
- Coñecer e desenvolver técnicas de trabalo para a conservación ambiental.
- Promover o interese, a sensibilidade e o respecto polo medio natural.
- Implicar ós participantes na resolución de problemas e o desenvolvemento de novos proxectos ambientais no municipio de Vigo.

Dado o incremento do número de voluntarios ata os 86 actuais, faise necesario formalos axeitadamente. Por iso, A Oficina Municipal de Voluntariado realiza un programa formativo das características de "Voluntarios na Natureza", co obxecto de optimizar os recursos e darlle ao persoal voluntario os coñecementos precisos para facilitarlle a súa intervención neste ámbito.

Como parte deste programa formativo tense levado a cabo ao longo do presente ano unha serie de actividades que inclúe unha xornada de coñecemento do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia, no mes de xuño, e un estudo da flora litoral en Barra, o pasado mes de xullo

Dentro dos diferentes campos de acción do voluntariado, o medio ambiente constitúe un dos máis importantes. Tanto as administracións públicas como as ONGs necesitan do voluntariado ambiental para levar a cabo os seus proxectos e actuacións.

Por iso, desde a Oficina Municipal de Voluntariado animan a todos os voluntarios, a así como a toda a cidadanía, a que participen na xornada do sábado. Para inscribirse deberán de pasar pola propia Oficina Municipal de Voluntariado.