Escoitar

A Vigo Cup 05 reunirá cerca de 2.300 nenos e mozos futbolistas do 4 ao 10 de xullo

O Torneo Internacional de Fútbol de Base Vigo Cup 05 reunirá en diversos campos dos concellos de Vigo, Nigrán e Rendondela, do 4 ao 10 de xullo, un total de 2.260 xogadores, distribuídos en 164 equipos que competirán en categorías que van desde os 6 anos ao sub19.

venres, 1 xul 2005
1120217268furbol.jpg
Dous mil douscentos sesenta xogadores de 6 a 18 anos participarán do 4 ao 10 de xullo nas diferentes categorías do Torneo Internacional de Fútbol de Base Vigo Cup 05, formando un total de 164 equipos. Durante o torneo xogaranse 394 partidos.

As sedes do campionato están situadas en Vigo (Coia, Travesas, Samil, Bouzas, Barreiro, A Madroa e Balaídos), en Nigrán (Priegue e Vilariño) e en Redondela (Santa Mariña). Para que todo saia ben, a organización conta con 30 voluntarios, 45 árbitros, oito fisioterapeutas e 35 responsables, coordinadores e colaboradores.

Vigo Cup 05 divídese en oito categorías: Baby 1 (nados en 1997), Baby 2 (nados no 98-99), Sub 10, Sub 12, Sub 14, Sub 16, Sub 19 e Damas. En todas elas haberá unha primeira fase, na que os equipos xogarán entre si, e unha segunda, con eliminatorias para decidir quen será o campión.

Todos os que participen no torneo poderán gozar de maneira gratuíta dunha serie de actividades paralelas. Entre estas inclúense visitas a Vigo-Zoo, o uso do Bus Turístico e a práctica do piragüismo e da vela. Ademais, habilitarase un parque de lecer coas seguintes actividades: tobogán de San Remo, rocódromo, puenting, chutómetro, lanzadeira e high jumping.

O acto inaugural da Vigo Cup 05 celebrarase no Auditorio de Castrelos o luns día 4 de xullo a partir das 20:45. O acto, no que desfilarán os equipos participantes, será amenizado por un pasarrúas con pallasos, zancudos e mimos, e cerrarase coa actuación de King África.

No acto de clausura, o domingo día 10 a partir das 13:00 no Estadio Municipal de Balaídos, entregaranse os diferentes premios, poñendo o punto e final a unha semana de diversión, sol, praia e, por suposto, moito fútbol.
Descargar todas as imaxes