Escoitar

Aprobada a contratación das monitoras do programa da Concellería da Muller "Eu tamén sei"

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe martes a contratación, pola cantidade de 5.940 euros, das monitoras que impartirán os cursos do programa da Concellería da Muller "Eu tamén sei". Na mesma reunión da Xunta de Goberno tamén se adxudicaron os servizos de conservación e reposición de zonas verdes e de parques infantís.

martes, 29 mar 2005
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe martes a contratación das monitoras que impartirán os cursos do programa da Concellería da Muller "Eu tamén sei". A cantidade destinada para este fin é de 5.490 euros.

As beneficiarias son Purificación Pérez, que dará un curso de arquitectura popular; Guadalupe García, que ensinará diferentes técnicas ornamentais aplicadas ao cristal, así como repuxado de metais e marquetería aplicada ao carei, ao nácar e á cuncha; Mª Dolores Salgueiro, co seu curso de retacería artesá; e Mónica Calvo, monitora do curso de habilidades sociais.

Por outra parte, a Xunta de Goberno Local tamén decidiu adxudicar na súa reunión de hoxe os servizos de conservación e reposición de zonas verdes, á empresa Cespa, por 3.539.400 euros, e de parques infantís, á empresa Contenur, por 237.704 euros.

Plan Xeral

Na rolda de prensa para dar conta dos asuntos da Xunta de Goberno, o concelleiro José Manuel Figueroa asegurou, fóra da orde do día, que a vontade do Goberno municipal en relación coa actual fase de exposición do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) é "non facer nada que os veciños non queiran de maneira ampla". Neste sentido, Figueroa afirmou que "imos estudar todas as alegacións unha a unha".

José Manuel Figueroa instou a aqueles que se opoñen ao PXOM a "respectar as maiorías" e lembroulles que "teñen as vías e os cauces democráticos para actuar correctamente". Segundo o concelleiro, ademais, "nunca se produciu unha exposición tan ampla dun Plan Xeral nesta cidade".