Escoitar

A Xunta de Goberno aproba un novo convenio co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade por 64.601,21 euros

O convenio terá vixencia ata o 31 de decembro de 2004 e supón unha aportación de 60.101,21 euros para actividades de promoción e subvención e 4.500 euros destinados a actividades de prevención e difusión.

luns, 18 out 2004
A Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto de colaboración entre o Concello de Vigo e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para o fomento e homologación das políticas municipalistas de cooperación ao desenvolvemento. O novo convenio, ata o 31 de decembro de 2004 supón unha aportación do Concello de Vigo de 60.101,21 euros para actividades de promoción e subvención e 4.500 euros destinados a actividades de prevención e difusión.

Desta forma o Concello quere manifestar o seu compromiso co propósito de impulsar aquelas prácticas que posibiliten unha maior coordinación das políticas municipalistas, contando necesariamente coa colaboración, asesoramento e auxilio das Organizacións non gubernamentais implantadas na cidade, especialmente a través do Consello municipal de cooperación.

A Xunta de Goberno Local aprobou así mesmo o proxecto de renovación do convenio marco para o financiamento da Fundación Liste-Museo Etnográfico de Vigo nos anos 2004 e 2005.

Xardiñeiras colgantes

Ademais, durante a reunión aprobouse a adxudicación do subministro e instalación de xardiñeiras colgantes en zonas comerciais e peonís. Das seis empresas que presentaron proxectos, a Mesa de Contratación decidiu admitir a licitación a oferta presentada pola empresa Calfensa Proyectos, que propón un prezo de 69.350 euros e un prazo de execución de 35 días.