O alcalde ofrece “cooperación total” á nova reitora da Universidade de Vigo
Abel Caballero e Carmen García Mateo abordaron novos espazos para a Universidade de Maiores, a ETEA e a mellora das conexións de autobús co campus. Esta mañá tivo lugar na Alcaldía o primeiro encontro institucional desde que a reitora tomou posesión do seu cargo.
Caballero cualificou a reunión de “magnífica” e destacou o “desexo de cooperación total” entre o Concello e a institución académica. No encontro tamén participaron a vicerreitora de Persoal Docente, Rebeca Díaz, e o vicerreitor de Transferencia e Innovación, Rafael Comesaña.
Durante a reunión analizaron a situación actual da Universidade e diferentes ámbitos nos que ambas institucións poden colaborar. Entre eles, a necesidade de buscar novos espazos para a Universidade de Maiores, para o que se puxeron sobre a mesa posibilidades como a Escola de Comercio ou as instalacións de Enxeñería Industrial en Torrecedeira.
Tamén abordaron a cesión do edificio da ETEA vinculado á Zona Franca, así como cuestións relacionadas coa investigación e o traballo desenvolvido pola Universidade.
Outro dos asuntos tratados foi o transporte público ao campus. O alcalde explicou que a presenza de estudantes en novas zonas da cidade está xerando novas necesidades de mobilidade e avanzou que pedirá á empresa que resulte adxudicataria da concesión do autobús urbano que estude en detalle as rutas e os puntos de orixe dos universitarios. “Melloraremos esta cuestión”, asegurou.
Caballero trasladou á nova reitora o “apoio total” do Concello. “A Universidade foi o avance máis importante que Vigo tivo nunca. Loitamos por ela durante moitos anos e segue sendo unha necesidade vixente”, afirmou, comprometéndose a “seguir buscando solución a todo aquilo que sexa preciso para mellorar a Universidade de Vigo”.