Escoitar

O Ministerio de Transportes avala todos os proxectos importantes da cidade

Abel Caballero mantivo unha reunión esta mañá co ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, na que, segundo explicou “obtivemos o apoio e o visto e prace a todos os proxectos que lle expuxen para Vigo, absolutamente a todos”.

martes, 30 abr 2024

No encontro celebrado en Madrid entre o alcalde de Vigo e o ministro de Transportes abordáronse temas de interese común en materia de mobilidade sostible e infraestruturas, que afectan a nosa cidade.

Vigo – Ourense por Cerdedo en Alta Velocidade

O rexedor expuxo que se abordou a conexión ferroviaria Vigo-Madrid en alta velocidade por Cerdedo”. Sobre esta conexión, indicou, “analizamos as circunstancias de viaxeiros potenciais, xa que se trata dun tren que da servizo a un área de case que 700.000 persoas, e que podería sumar no futuro viaxeiros da área norte de Portugal”.

Analizouse tamén “a importancia económica da cidade de Vigo”, polo que “o ministerio volveu dar o visto e prace do Goberno de España a esta conexión”, e garantiu “ás cidades de Vigo e Pontevedra a conexión por Cerdedo, unha opción imprescindible”.

Así, tal e como trasladou tras o encontro, “no segundo semestre deste ano licitarase o estudo que analizará os matices que quedaron pendentes no estudo hidrolóxico anterior”. O rexedor lembrou que a Confederación Hidrográfica do Miño Sil “sinalou temas que necesitan dun estudo adicional que se pode facer en 1 ano e 3 meses”. O ministro “garantiu que ADIF encargará un estudo para que se poida proceder de forma inmediata á Declaración de Impacto Ambiental e a partir de aí, proxecto construtivo e obra”, polo que “Vigo-Ourense por Cerdedo ten luz verde e vaise a facer”.

Caballero expuxo que se trata dun proxecto que garantido polo goberno de Zapatero “pero con Rajoy e Feijoo parárono, a entón ministra Ana Pastor meteu o proxecto nun caixón, recuperouse no 2018 co goberno de Pedro Sánchez”. Agora “Óscar Puente entende e avala este tren, vital para a cidade. Somos a única gran cidade sen Alta Velocidade, e agora témola garantida polo Ministerio de Transportes e polo goberno de Pedro Sánchez”.

Avenida de Madrid

O segundo dos temas abordados foi a Avenida de Madrid, un proxecto de 16,8 millóns de euros dos que o Goberno de España achega 11,2 millóns, ademais do proxecto construtivo. Caballero sinalou que “o ministerio recoñece que é un proxecto importante e conveniente así que, unha vez ratificado o convenio, empezaremos de forma inmediata a humanización”, ao estar soamente pendentes de asinar “a conformidade do proxecto na comisión de seguimento da obra, que se fará de forma inmediata”.

Abel Caballero indicou que “o Concello está no proceso previo para a licitación, tras a que virá a adxudicación e a obra. A gran remodelación da Avenida Madrid xa está en marcha”. Finalmente o alcalde quixo lembrar que esta actuación adecuouse á finalización das obras das ramplas de Gran Vía e accesos a Vialia. Unha vez resoltas, “estamos en disposición de iniciar esta actuación, co visto e prace do Ministerio de Transportes”.

Saída Sur ferroviaria Vigo-Porto

Unha vez finalizado o estudo de alternativas da Saída Sur ferroviaria de Vigo, peza fundamental para avanzar na nova liña de alta velocidade con Porto, e “adxudicado o estudo informativo dende o pasado mes de maio do ano 2023, que concluirá a principios de 2025, a partir de aí, toca realizar a tramitación ambiental”, que englobará un período de 18 meses e desembocará despois na licitación da redacción do proxecto constitutivo e unha vez finalizada contratarase a obra. A parte “mais complexa” en términos construción, “é un túnel que unirá Vigo coa saída de Porriño, e ten luz verde por parte do Ministerio”.

Caballero aclarou que tamén tratou con Óscar Puente a necesidade de “empezar co estudo do trazado dende Porriño ate o río Miño para coordinalo con Portugal, acordando o lugar de encontro entre o tramo de Porto ao río Miño, e a de Vigo ao mesmo lugar”.

“Xa en marcha o tren Vigo-Porto en túnel desde Vigo, nos prazos mínimos previstos”, indicou Caballero, “de tal modo que neste momento xa se poden solicitar e os fondos a Unión Europea”. Por último, sobre este tema, o rexedor afirmou que en Europa “xa se baixou a previsión deste proxecto de 2050 a 2040, pero nós podemos estar no 2029-2030 facendo a obra, axustándose á posibilidade mais breve en todo o proceso”.

Autovía Vigo-Porriño

No tocante á autovía entre Vigo e Porriño, Caballero aclarou que “ten contratada a redacción do proxecto de trazado e a súa construción”, á que seguirá “a Declaración de Impacto Ambiental que caducou. Inclúese a solución do PXOM sobre o menor impacto na saída en Baruxáns”, que “está en vías de execución”.

Caballero explicou que “é preciso facer a exposición pública, despois o documento técnico, o trámite ambiental e no segundo semestre deste ano someterase á tramitación ambiental”, para que posteriormente “se debe realizar a redacción do proxecto de trazado e o proxecto construtivo, que xa está contratado polo Ministerio”. Polo tanto, insistiu, “constatamos cos datos que a autovía de Vigo a Porriño está en boa marcha”. A ex-ministra, Raquel Sánchez, iniciouna e Óscar Puente acaba de ratificar a súa luz verde. É necesario axilizar a tramitación, cuestión que o Ministerio asumiu tamén”.

Humanización de AP9 na entrada a Vigo

A autoestrada “que rompe a cidade en dúas partes” é outra “das actuacións necesarias na cidade”. Caballero ratificou que “hai meses creouse unha comisión para a súa humanización e mellora da permeabilidade e niveis de ruído na contorna urbana da AP9”, na que “acordamos a súa execución en tres tramos: primeiro, o entorno de Vialia (Alfonso XII e o nó de Isaac Peral); o segundo tramo, de Isaac Peral ao nó de Buenos Aires e o terceiro tramo, desde Buenos Aires ata o límite con Redondela”.

“Queremos recuperar o grupo de traballo, asinar o protocolo que xa temos avanzado polo que xa nos poñemos no estudo da cubrición de zonas enteiras da autoestrada”, recalcou o alcalde, logrando “conectar zonas da cidade”. “Tamén falamos da cesión de terreos na zona próxima a Vialia para que o Concello poida acometer a humanización da contorna e utilizar espazos que son do Ministerio de Transportes”, sentenciou.

Corredor Atlántico de mercadorías

O rexedor tamén tratou con Óscar Puente a necesidade de “mellora da vella liña ferroviaria” de Vigo a Ourense en superficie, “coa electrificación ata Portugal e da propia necesidade de adaptación de todo o transporte, para que pasemos do 4 ao 12% de utilización do ferrocarril como transporte de mercadorías, especialmente importante para a cidade”.

“Vigo é unha gran zona industrial e por tanto, con gran capacidade de mobilizar mercadorías a través do ferrocarril”, sinalou. Caballero amosou todo o seu apoio ao corredor de mercadorías así como “a necesidade de facer unha zona de intercambio para ter unha gran zona intermodal ferroviaria”. Un novo si do Ministerio á cidade”.

Situación do ámbito cidadá de Navia

O derradeiro punto tratado na reunión foi a situación da zona de Navia, “moi densamente poboada e rodeada dunha gran autovía, a VG-20, e coa conexión dende Stellantis ata o porto da cidade, pasando pola urbanización Sotavento”, dixo Caballero. Aclarou que “Navia ten unha autovía que a circunda, e é necesario dar unha solución ao problema de ruídos en toda a zona”. O Ministerio de Transportes “sitúa a Navia como unha das actuacións complexas pola dificultade que ten eliminar o ruído das zonas máis altas dos edificios”, polo que “debe ter un tratamento singular e diferenciado”, afirmou o rexedor.

“O ministro transmitiume que segue de preto o tema, coa intención da “eliminación absoluta de ruídos”, polo que están, neste momento, “estudando a forma técnica en que se ten que articular para que Navia teña mecanismos de insonorización, xa que facer pantallas non é suficiente. Están traballando nese estudo de insonorización de toda a área de Navia, co implicación total do ministerio na resolución do problema”.

 

Descargar todas as imaxes