Escoitar

O alcalde reúnese con Ana Ortiz, delegada da Xunta en Vigo

Abel Caballero recibiu no Concello á nova delegada do goberno autonómico na cidade con que abordou “nun clima de moita cordialidade” algunhas das cuestións que marcan a relación da Xunta con Vigo.

martes, 22 ago 2023
Abel Caballero e Ana Ortiz durante a súa reunión
Abel Caballero e Ana Ortiz durante a súa reunión

Ao remate do encontro, o rexedor referiuse ao “diálogo franco e amable que mantiveron nun clima de moita cordialidade” para abordar a relación da Xunta coa cidade.

Entre os temas tratados, a ETEA, sobre o que o rexedor explicou que a Xunta debe facer a urbanización das vías para poder dar os servizos nos espazos que posúe; unha urbanización que debe acometerse desde a vía principal, de propiedade municipal, polo que o Concello propuxo ao goberno autonómico que envíe o proxecto e os recursos xa que “as obras en Vigo, no ámbito de competencia da cidade, fainas o Concello”.

Caballero citou como exemplo deste proceder a remodelación da Avenida de Madrid, de competencia estatal, que a través dun convenio realiza o Concello con financiamento ao 70% do Goberno de España. Así, instou á Xunta á sinatura dun convenio no que se acorde a obra e o envío de recursos para realizala. “O Concello non vai ceder nin desprenderse de nada pero as obras en ámbitos de competencia municipal fainas o Concello”, recalcou.

Sobre o IES de Navia, o alcalde trasladoulle a Ana Ortiz que a Xunta de Galicia debe asinar o convenio antes da cesión dos terreos para que queden recollidas as especificacións e tempos da construción.

No referente ao Consorcio do Casco Vello, que preside a delegada da Xunta, “propúxenlle que pactemos o orzamento; estou disposto a desbloquear todo o que teña que ver co Casco Vello porque ten que ser por unanimidade”.

Sobre a estación de autobuses, Abel Caballero e Ana Ortiz confrontaron as diferentes opcións propostas emprazando á Conselleira responsable da área a “dialogar e ver a que se dedica este solo que, por certo, non está claro de quen é porque foi unha cesión do Concello e unha vez que deixa de ser estación de autobuses debe reverter ao Concello”. En todo caso “non queremos crear conflitos”, apuntou o alcalde, senón que se busca diálogo entendendo que “as decisións sobre o plan de urbanismo corresponde ao Concello porque é a nosa competencia”.

O rexedor engadiu que, logo do encontro celebrado hoxe, a súa interlocución para abordar as cuestións relacionados con Vigo será co presidente da Xunta, de xeito que a relación da delegada da Xunta co Concello será a través da vicevoceira municipal, a concelleira Yolanda Aguiar.

 

Abel Caballero e Ana Ortiz durante a súa reunión
Descargar todas as imaxes