Vigo iza as 12 bandeiras azuis nos seus areais
O alcalde acudiu ao acto do izado da bandeira na praia de Samil. Vigo suma este ano este distintivo no areal do Adro, que garante limpeza, seguridade, servizos e respecto ao medio ambiente. “Somos a cidade con máis bandeiras azuis”, dixo Abel Caballero.

Abel Caballero acudiu ao izado da bandeira azul na praia de Samil. Vigo é a cidade con máis distintivos, concretamente 12, ao sumar un máis que o ano pasado. O goberno local solicitou a adhesión da praia do Adro en Bouzas, que foi recoñecida pola organización coa súa bandeira azul.
ADEAC achega estes distintivos medioambientais ás praias que contan con limpeza, seguridade e distintos servizos para a cidadanía. O alcalde agradeceu a contribución das persoas “cada vez ensuciando menos”. Caballero expresou a importancia de ter as praias atendidas e coidadas: “Seguiremos facendo unha cidade atractiva para o turismo e para os cidadáns e cidadás de Vigo”.
Á praia de Samil súmase o distintivo no areal do Adro por primeira vez. Tamén ondeará a bandeira azul na Punta, Carril, Santa Baia, A Fonte, Tombo do Gato, Argazada, Fontaíña, O Vao, Canido, Fortiñón e Rodas. Tamén catro sendeiros azuis como son a Vía Verde, o carreiro do Lagares, a senda dos faros nas Illas Cíes e a senda litoral e do Monte da Guía.

