O Concello dedica 250.000 euros á Festa da Reconquista deste ano
O goberno municipal vén de aprobar o convenio de colaboración coa Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo para o desenvolvemento dunha festa que “queremos que sexa da máxima importancia”.
O alcalde estima que a subvención municipal á Festa da Reconquista deste ano 2023 se sitúa no cuarto de millón de euros. O convenio de colaboración asinado coa Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo para a organización do evento ten un importe de 125.000 euros, 25.000 máis que en 2022, aos que cómpre engadir 25.000 euros máis da Marca Vigo e o custo económico dos diferentes servizos municipais: auga, limpeza, subministración eléctrica, Protección Civil e Policía Local.
Así mesmo, o Concello cede de forma gratuíta o espazo público que ocupan os postos do mercado da Reconquista, o que significa unha subvención adicional de 40.000 euros máis. Tamén organiza visitas didácticas para que o alumnado de centros escolares da cidade se achegue á historia vigueses e que teñen un orzamento de 14.520 euros.
Amais, o alcalde avanzou o reforzo do servizo de limpeza ao longo de toda a fin de semana con motivo da festa da Reconquista. Instalaranse contedores adicionais: 50 en diferentes lugares, tamén para os postos do mercado a pé de rúa, contedores para vidro, para residuos orgánicos de xeito que se favoreza o depósito do lixo a tódalas persoas que acudan á celebración.
O domingo, ao finalizar a festa, o Concello poñerá en marcha un dispositivo de “limpeza total” con 9 vehículos e 25 operarios que percorrerán todo o Casco Vello, Porta do Sol, Náutico, Montero Ríos e Carral.
No día de hoxe o alcalde celebrou xunto aos máis pequenos a Reconquistiña. Presto de 1.300 nenos e nenas congregáronse en Porta do Sol para celebrar a previa á festa da Reconquista. Abel Caballero saudou aos escolares que participaron en actuacións musicais e desfiles.