O aeroporto de Vigo aumentou nun 28% os pasaxeiros con respecto a 2019
O aeródromo vigués pechou o mes de decembro con 86.380 pasaxeiros, un 27,5% máis con respecto ao 2019, ano de referencia previo á pandemia. Tamén subiron as operacións nun 37,3%. O aeroporto de Vigo foi o que máis medrou en Galicia no último mes de 2022.
Abel Caballero celebrou en rolda de prensa o peche do ano 2022 do aeroporto de Vigo. “Petámolo”, exclamou en rolda de prensa, onde deu a coñecer que Vigo é o aeroporto de Galicia que máis medrou no mes de decembro de 2022 (+27,5%), por diante de A Coruña (-8,60%) e Santiago (+11,82%).
A cifra de viaxeiros foi de 86.380, un 27,5% máis que no mes de decembro de 2022. O total de operacións tamén medrou un 37,27% con respecto a 2019. “Pechamos o mes con todas as cifras en positivo” sinalou o rexedor.
O alcalde tamén deu conta das compañías e destinos, Air Europa é a empresa con máis cota de mercado, un 34%, seguida de Iberia cun 30%. Os destinos con máis afluencia de pasaxeiros son Barcelona, Madrid e a Illas Canarias. Estas últimas suman o 8% do total da pasaxe.
A ocupación dos voos é “elevada”, en verbas do alcalde. Deste xeito os avións Vigo-Barcelona e viceversa tiveron un “cheo total”, un 91% de ocupacións os de Gran Canaria e Tenerife, e 70% a Madrid. Tamén Palma de Mallorca e Bilbao tiveron ocupacións significativas.
“Vigo é o aeroporto que máis medrou sen subvencións, a mercado, de toda Galicia”, concluíu.