Escoitar

Abel Caballero esíxelle á Xunta solucións á seca

O alcalde lamenta que o goberno autonómico non aporte propostas nas xuntanzas “cando teñen eles as competencias” e solicita a actuación inmediata da Xunta no trazado da toma de emerxencia do Verdugo e Oitavén en augas baixas e o abastecemento da presa de Zamáns desde o Miño.

xoves, 11 ago 2022

A seca comeza a preocupar en Vigo e a área metropolitana. Abel Caballero lamenta que a Xunta de Galicia non teña solucións “cando teñen eles as competencias do abastecemento en alta” e que “convoque aos concellos para coñecer que medidas están a tomar ante a falta de choivas en vez de actuar”.

O alcalde lembrou que Vigo leva 14 anos pedindo á Xunta medidas para evitar a seca na cidade e a contorna. Caballero manifestou as medidas que está a tomar como alcalde da cidade: supresión de baldeos, humanizacións co novas redes de saneamento, recomendación de non encher as piscinas, campañas de concienciación, unha nova potabilizadora e a redución das tomas de auga en Zamáns de 100 a 55 litros desde o mes de decembro. E preguntouse: “Que fixo a Xunta?”

Caballero esixiu ao goberno autonómico cumprir co estudo feito polo Goberno de España, Xunta de Galicia e Concello, que explica que para evitar a seca na área de Vigo habería que conectar Zamáns co Miño e o transvase de emerxencia en augas baixas do Oitavén e o Verdugo.

O alcalde amosou o seu enfado e tildou de “escándalo político” a desatención da Xunta ao problema do abastecemento de agua: “Se o outono ven malo, a auga periga. É unha desatención a Vigo pero tamén a Nigrán, Baiona, Cangas, Moaña, Redondela, Mos, Gondomar e O Porriño”.

Descargar todas as imaxes