O Concello valora o proceso de participación cidadá no PXOM
María Xosé Caride, sinalou este luns que o prazo de presentación de alegacións ao documento está a piques de pechar logo de tres meses de exposición pública e trasladou o compromiso municipal de estudar as alegacións de “forma individualizada”.
A edil de Urbanismo apuntou que co fin de facilitar o proceso e favorecer a participación da cidadanía na revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal, o Concello decidiu ampliar un mes o prazo de presentación de alegacións, de xeito que se cumpren agora tres meses, cando a lei marca dous meses.
Con ese obxectivo de facilitar a contribución cidadá ao documento, o goberno municipal habilitou tamén a consulta telemática e a presentación telemática das alegacións no rexistro da Xerencia de Urbanismo. Ademais, dispúxose un rexistro adicional no Auditorio Mar de Vigo no mesmo espazo onde está situada está a oficina de información do Plan Xeral.
María Xosé Caride manifestou que tanto o equipo redactor do Plan como o goberno municipal “estamos comprometidos coa análise e estudo de todas e cada unha das alegacións presentadas de forma individualizada” e, do mesmo xeito manifestou que serán respondidas “de xeito singular”. Engadiu a responsable de Urbanismo que “estudaremos todas e cada unha – das alegacións- como corresponde” porque este proceso de participación cidadá é “tremendamente importante e contribuirá a mellorar claramente o documento final”.