O Concello inicia a “grande remodelación” da Praza da Miñoca
A humanización do espazo desenvolverase durante seis meses co obxectivo de “naturalizalo”, tal e como apuntou o alcalde durante o acto simbólico de colocación da primeira pedra celebrado este mércores.

“Queremos transformar o espazo nunha praza con dotación que signifique modernidade”, explicou Abel Caballero, quen deu conta da execución das obras que teñen un importe de 1,6 millóns de euros e que se prolongarán durante seis meses.
O rexedor sinalou que a praza da Miñoca experimentará unha “grande remodelación; quedara anticuada e era feble na súa orientación inicial”. Coa humanización o goberno municipal quere “naturalizar o espazo”, para o que se instalará un gran parque infantil e de maiores, vai crearse un río artificial e aproveitarase a pendente do terreo, que acada o 10% nalgunhas zonas, para dispoñelo en bancais.
A nova praza da Miñoca contará ademais con zona de parkour, verá renovadas as redes de abastecemento, canalizacións eléctricas e rede de pluviais, instalarase nova iluminación con maior calidade e aforro enerxético, dispoñerá de iluminación especifica para os elementos escultóricos presentes, como é o caso da miñoca, e permitirá recuperar parte da toponimia de Coia.


