Caballero valora as “posibilidades” da nova venda online a domicilio do Mercado do Calvario
O Mercado do Calvario ofrece un novo servizo de compra online e entrega a domicilio a través da plataforma Kibus, sen gastos de envío nin compra mínima e ao mesmo importe que na propia praza. O alcalde participou este mércores na presentación da iniciativa, xa en funcionamento.
Xunto ao xerente do Mercado, Miguel Misa, e ao xerente de Kibus Online, Eduardo Sanjurjo, o acto celebrouse este mércores nas dependencias do mercado, coa presenza do alcalde, a concelleira de Turismo, María Lago, e o edil de Comercio, Ángel Rivas.
Na súa intervención, Abel Caballero celebrou a “cultura” da compra na praza, mais manifestou que “o tempo pasa e aparecen novas formas e novos métodos, novas posibilidades” da man da tecnoloxía ás que “creo que temos que sumarnos”. O rexedor avogou polo comercio local e a compra presencial, pero sistemas como o presentado este mércores engaden opcións “aos que veñen a diario ao mercado e tamén aos que non veñen”.
A praza do Calvario vén de incorporarse á plataforma Kibus, de tal forma que o cliente pode mercar online os produtos frescos do seu mercado e recibilos na súa casa, sen importe mínimo nin gastos de envío, e co mesmo prezo que atopas nos postos. A web actualiza diariamente tanto o xénero dispoñible como as tarifas. Unha vez realizado o pedido, os profesionais de Kibus encárganse de facer a compra directamente no mercado, de forma individualizada e adaptada aos gustos do cliente, e entrégana no domicilio á hora solicitada, con servizo de luns a sábados de 10 a 21 horas.
O popular mercado vigués é o único da cidade adherido a unha plataforma que fai gala de apoiar ao comercio de proximidade e en particular ás prazas de abastos. Ademais de en Vigo, Kibus opera actualmente en San Sebastián, Bilbao, Santander, Oviedo, Lugo, Ferrol, A Coruña e Pontevedra.