Escoitar

O Concello adianta ás 20:30h o inicio dos espectáculos do Auditorio municipal

A medida permitirá a público e traballadores cumprir coas restricións á mobilidade desde as 23 horas, decretadas ata o 9 de novembro polo Covid. O alcalde explicou que catro funcións adiantan media hora o seu inicio, esta e a próxima fin de semana.

mércores, 28 out 2020

Abel Caballero anunciou este mércores a decisión de adiantar trinta minutos a hora do inicio dos espectáculos de VigoCultura que, nas próximas dúas semanas, acolle o Auditorio municipal do Concello. O obxectivo, detallou o alcalde, é permitir que público e traballadores poidan retornar aos seus domicilios con tranquilidade e cumprir así coa limitación á mobilidade decretada de 23 a 06 horas, ata o próximo 9 de novembro.

Son catro as funcións afectadas, a celebrarse esta e a próxima fin de semana: este venres e sábado, "A conquista da Escola de Madhubai", de Teatro do Atlántico; o próximo venres, 6 de novembro, "O Premio", de La Quintana Teatro; e o sábado 7, "Armazenados", de Teatro Art'Imagem. Todas elas comezarán ás 20:30 horas, media hora antes do previsto.

Os espectáculos dos domingos, destinados a público familiar, manteñen o seu horario programado e iniciaranse ás 18 horas. Caballero recordou que o aforo do Auditorio municipal do Concello reduciuse ata as 81 butacas dispoñibles.