Escoitar

A ocupación hoteleira en Vigo continúa á alza cun 69% de media a pasada semana

Pese ao mal tempo, os hoteis vigueses rexistraron na segunda semana de agosto unha ocupación do 69,44%, dous puntos máis que a anterior e 23 puntos máis que na media de xullo, que foi dun 46,79%. O alcalde informou dos datos e amosouse satisfeito coa campaña estival na cidade.

martes, 18 ago 2020
Abel Caballero compareceu de forma presencial e telemática
Abel Caballero compareceu de forma presencial e telemática

Os hoteis de Vigo rexistraron unha “significativa” ocupación na semana do 10 ao 16 de agosto, un 69,44%, segundo trasladou o alcalde este martes en rolda de prensa. O dato é dous puntos porcentuais superior ao da semana previa e 23 puntos maior á da media de xullo, que quedou preto do 47%.

A cifra ratifica a tendencia positiva emprendida pola cidade desde o mes de xullo, cun crecemento da ocupación hoteleira case que semanal. A primeira de xullo deixou un 31%, pasou ao 44% na segunda e ao 48% na terceira, do 20 ao 26 de xullo ascendeu ao 59%, baixou ao 51% na última de xullo para acadar o 67% de media do 3 ao 9 de agosto e case que un 70% na pasada semana.

“Estamos satisfeitos”, afirmou o alcalde, quen recordou que o 70% alcanzado -e con mal tempo- é o dato rexistrado no mes de xullo do 2018. “O nivel de afluencia turística á cidade de Vigo, nun momento difícil, está sendo moi significativo”, engadiu, a pesar da pandemia, da ausencia do formato habitual das festas de Vigo e do Marisquiño.

Descargar todas as imaxes