Escoitar

O Concello de Vigo hospeda a todas as persoas sen teito e reforza os servizos do albergue municipal

Abel Caballero anunciou este martes que todas as persoas sen teito foron reacollidas durante as últimas horas en pensións e hoteis da cidade. Ademais, informou de que os procedementos administrativos foron suspendidos, incluídos os de becas de inglés e escolas infantís.

martes, 17 mar 2020
o alcalde, en rolda de prensa.
o alcalde, en rolda de prensa.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este martes das novas medidas tomadas desde o Concello ante a situación extraordinaria creada pola pandemia do COVID-19. Así, o rexedor explicou que xa foi desmontada a acampada da Praza do Rei e todas as persoas sen teito recibiron hospedaxe en pensións e hoteis da cidade. De forma paralela reforzáronse os servizos de comedor e lavandería que ofrece o albergue municipal.

“O acceso ao Concello está pechado excepto para os servizos de Benestar Social, Rexistro e Cemiterios”, sinalou o rexedor nunha comparecencia a porta pechada que foi facilitada posteriormente aos medios de comunicación. Durante a súa rolda de prensa Caballero destacou tamén o esforzo feito polas traballadoras do servizo telefónico do 010 e felicitou ao persoal que está a traballar estes días.

Ante as dúbidas suscitadas por parte dos cidadáns, o alcalde insistiu en que están suspendidos todos os prazos para procedementos administrativos municipais, entre eles becas de inglés e escolas infantís, e aclarou que se retomarán cando se levante o estado de alarma.

Desde Benestar Social mantense as becas de comedor para aquelas familias que non poden asumir os gastos e o Concello ofrece liquidez para que poidan comprar os alimentos necesarios.

Abel Caballero tamén explicou que “reacollemos a todos os sen teito e levantamos a acampada” de Praza do Rei. “O albergue ampliou os horarios para ducha e comidas, e os comedores sociais que apoia o Concello xa tomaron medidas”, sinalou.

Respecto a situación xeral de Vigo en este estado de alarma afirmou que “estase levando ben” e advertiu de novo de que non está permitido pasear pola cidade. Así, houbo nove denuncias tramitadas á Subdelegación do Goberno, a maior parte por grupos de xente paseando. “Só se pode saír unha persoa á compra, farmacia, saúde, médico...”, apuntou.

Policía Local, Nacional e efectivos da Brilat (este mércores 80 militares e 11 vehículos) patrullan xa a cidade para para transmitir que está prohibido pasear e para cursar as denuncias oportunas. “Xa todos sabemos que non se pode estar na rúa, hai que permanecer en casa, hai unha parte da economía produtiva que continúa adiante, pero o resto ten que parar, non se pode saír a pasear”, insistiu.

Servizo de voluntariado

Por outra banda, o Concello de Vigo reforzará servizo de voluntariado habilitando un rexistro web específico para canalizar as ofertas de persoas voluntarias dispostas a prestar axuda e dar resposta as necesidades da poboación máis vulnerable ante o avance do coronavirus.

O traballo céntrase en contactar coas distintas entidades sociais activas para coñecer as súas demandas actuais e previsión de necesidades a corto e medio prazo. Estas entidades poderán, dende hoxe mesmo, comunicar directamente ditas necesidades por mail a dirección ofi.voluntariado@vigo.org sen esperar a que o persoal técnico da oficina se poña en contacto con elas.

Descargar todas as imaxes