Escoitar

O Tribunal Administrativo dá a razón a Vigo e paraliza o canon da Xunta pola auga de Eiras

O Concello non terá que pagar o canon da auga que lle reclamaba a Xunta despois de que o Tribunal Económico Administrativo contestase favorablemente ao recurso presentado o pasado mes de xuño. Tratase dunha taxa de 655.000 euros que o goberno autonómico pretendía aplicar sen contraprestación de servizo algún.

luns, 30 dec 2019
O alcalde Abel Caballero deu conta este luns da resolución do Tribunal Económico Administrativo pola que acepta a reclamación do Concello de Vigo e suspende a decisión da Xunta de impoñer unha taxa recadatoria sobre a xestión de obras hidráulicas do encoro de Eiras.

A Xunta reclamaba o cobro de 655.000 euros como canon de regulación do ano 2014, sen contraprestación de servizo algún para o Concello, polo que o goberno local interpuxo en xuño de 2019 un recurso de reposición dado que a xestión de Eiras a realiza a empresa concesionaria da auga en Vigo.

Caballero explicou que a Xunta establece un canon sobre algo que non lle custa nada á administración autonómica xa que é o Concello o que xestiona e asume os custos da presa. A Xunta, ademais, pretende que Vigo repercuta este custo no resto de municipios que reciben auga desde Eiras.

Agora o Tribunal Económico Administrativo dá a razón ao goberno local e decide suspender o pago do canon ata que haxa un pronunciamento definitivo.