Caballero destaca a "explosión" do turismo en Vigo tras "bater todos os récords" en xullo

O alcalde avanzou este venres os datos de ocupación hoteleira rexistrados durante o pasado mes de xullo en Vigo. Segundo indicou o rexedor, a cidade bateu "todos os récords" ao alcanzar un total de 103.128 pernoitacións e cualificou a situación como unha "explosión turística".

venres, 23 ago 2019
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este venres que a cidade está a vivir unha "explosión" de turismo tras rexistrar o pasado mes de xullo cifras que "baten todos os récords" na urbe.

Segundo explicou, no pasado mes de xullo as pernoitacións creceron un 10,26% respecto a xullo de 2018 ata chegar a 103.128 persoas aloxadas nos hoteis da cidade. "Seguimos mellorando e mellorando, en términos turísticos, o mellor mes de xullo desde que existen rexistros no INE", indicou.

Caballero asegurou que no balance dos primeiros sete meses, as pernoitacións subiron un 13,27%, polo que considerou que estamos ante "unha explosión de turismo en Vigo". O alcalde insistiu en que é un dato obxectivo e contrastado, polo que "estamos batendo todos os retos imaxinables".

O grado de ocupación, segundo os datos aportados polo alcalde, estivo no 81,87%. "É o non va máis, preparémonos porque isto segue a mellor, imos ter o mellor Nadal que nunca tivemos, e tirará do turismo, hai tres ou catro anos non podíamos imaxinar o nivel de ocupación que temos agora", concluíu.