Escoitar

O alcalde apunta que unha reunión previa de seguridade deu o visto bo ao Marisquiño

Abel Caballero explicou este martes que organizadores, autoridades e corpos de seguridade celebraron o 24 de xullo unha reunión de seguridade na sede da Autoridade Portuaria de Vigo sen que ningunha das partes puxera obxeccións á celebración do festival do Marisquiño.

martes, 14 ago 2018
1534249195AlcaldeMarisqu_02.JPG
O edificio de sesións do peirao de Transatlánticos, sede da Autoridade Portuaria de Vigo, acolleu o pasado 24 de xullo unha reunión de seguridade sobre O Marisquiño na que estiveron presentes representantes das administracións, organizadores e forzas e corpos de seguridade. Así o explicou este martes o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que informou de que non houbo durante esta xuntanza ningunha obxección ao Plan de Autoprotección presentado pola empresa ante o Concello e o Porto de Vigo.

"Non houbo ningunha obxección, a formulación de seguridade colectiva era unha reunión previa similar á dun simulacro. É unha cuestión de Plan de Autoprotección, non é política. Hai pouco celebrouse no mesmo lugar un concerto da Vigo Sea Fest, outro dunha cadea de radio estatal, o ano pasado outros concertos... é un lugar habitual de celebración", sinalou o rexedor.

O alcalde comezou a súa comparecencia transmitindo o seu desexo de recuperación a todos os afectados e sinalou que "aquí seguiremos ao seu lado en todo o que faga falta, como alcalde, como goberno local e como cidadán".

Abel Caballero apuntou tamén que agora é o momento de investigar, estudar e analizar as causas do afundimento estrutural do peirao o pasado domingo. "Agora hai que coñecer todas as causas, xa todo o mundo sabe que o Plan de Usos delimita esa zona como portuaria náutico deportivo e sigo a dicir que é un bo presidente do Porto", afirmou.

"Non foi un paseiño de madeira, colapsou unha estrutura sólida de formigón, construida moito antes de Abrir Vigo ao Mar. O investigará Portos do Estado, Porto de Vigo e apoiaremos totalmente ao Xulgado de Instrución número 3, a súa disposición absoluta para o coñecemento de todo, para que a propia xuiza tome a súa decisión. Colaboración total e absoluta", engadiu.

Caballero tamén criticou a postura do vicepresidente e o presidente da Xunta respecto aos feitos ao considerar que "tentan facer política partidaria, escoito ao vicepresidente e non escoito aos responsables institucionais de Galicia, se non a militantes de partido". O alcalde indicou tamén que "o vicepresidente fai hipóteses sobre a autorización, que non faga hipóteses, léase documentos, léase plan de autoprotección, revisado e con visto bo do Concello, léase autorizacións do Porto, fianza do Puerto, que se informe y vea que cumprimos estritamente a lei garantida polos funcionarios del Concello".
Descargar todas as imaxes