Escoitar

O Concello programa o 28 de maio a IV Andaina polos Montes de Vigo, de ata 40 quilómetros

A concelleira de Medioambiente, Chus Lago, explicou este venres que o percorrido é "ambicioso pero para todos os públicos", xa que está dividido en tramos con distinto nivel de dificultade. Para asegurar o seu correcto desenvolvemento, a IV Andaina polos Montes de Vigo, que terá lugar o 28 de maio, contará cun dispositivo de cen persoas.

venres, 12 mai 2017
1494594733andaina.JPG
Este venres, o concelleira de Medioambiente, Chus Lago, presentou a IV Andaina polos Montes de Vigo, xunto aos responsables de Montes de Vigo, entidade colaboradora, e de El Corte Inglés e Eroski-Center, como patrocinadores. Esta proposta, que forma parte do programa municipal de educación medioambiental Camiño a Camiño, terá lugar o domingo 28 de maio.

A edil salientou que a nova edición da Andaina pretende ser unha "xornada de encontro" cidadá para "poñer en valor o noso patrimonio natural e paisaxístico", ademais de para "fomentar hábitos de vida saudables e a práctica de exercicio físico".

Lago definiu como "ambicioso para para todos os públicos" o percorrido deste ano, que chega aos 40 quilómetros para os participantes máis preparados. A ruta parte de VigoZoo e pasa polos montes de Candeán, Cabral, Bembrive, Beade, Valladares e Zamáns. A Andaina divídese en varios tramos de distintas lonxitudes para adaptarse a todos os públicos.

Esta proposta presenta algunhas novidades este ano. O goberno de Vigo emprazará na zona de comida, en Beade, un punto de escalada e unha tirolina, ademais de facer a Andaina accesible cunha ruta adaptada e tres cadeiras ao efecto.

Chus Lago destacou na presentación que se despregará un dispositivo de cen persoas ao longo dos 40 quiómetros do percorrido, composto por axentes da Policía Local, Protección Civil, voluntarios da Comunidade de Montes, médicos, socorristas... "Pretendemos que sexa unha actividade deportiva e lúdica no que a xente se sinta acompañada e poña en valor o noso patrimonio", concluíu a concelleira.

O evento faise en colaboración con Montes de Vigo, asociación que agrupa as trece comunidades de montes presentes no Concello de Vigo, e conta co patrocinio de Eroski-Center e de El Corte Inglés, que contribúen a que o evento se poida facer dun xeito máis agradable a través dos kits de avituallamento e da camiseta da proba.

Nesta IVª edición da andaina vaise propor á cidadanía viguesa achegarse a unha parte do Sendeiro panorámico de Vigo (GR-53), que atravesa a maioría dos parques forestais da cidade, así como a unha parte dos sendeiros locais trazados polos montes, en particular os sendeiros de Candeán, de Cabral e de Bembrive-Beade.

En total o percorrido supera os 40 quilómetros e conta cunha rica combinación de espazos naturais singulares, de patrimonio etnográfico e de vistas panorámicas do concello de Vigo e bisbarra.

Tramos
Tramo 1: variante da Senda panorámica de Vigo (GR-53). Vigozoo – Parque Forestal de Vixiador (Candeán) – Parque Forestal de Bandeira (Cabral) – Área Recreativa de Baladas (Cabral) – IFEVI – Parque Forestal de Cotogrande (Cabral) – Gorxal – Rotonda do Rebullón – Área Recreativa do Pouso (Bembrive)
Distancia: 20 quilómetros. Duración: 4 horas 45 minutos (estimación media). Conecta co tramo 2.
Convocatoria na Praza do Rei: 7:00. Inicio estimado: 8:15 en Vigozoo
Tramo 2: variante do Sendeiro local de Bembrive-Beade. Área Recreativa do Pouso (Bembrive) – Aldea da Fraga (Bembrive) – Fonte de Friales (Beade) – Alto de Quintiáns (Beade) – Parque Forestal de Beade
Distancia: 8,9 quilómetros. Duración: 2 horas (estimación media). Conecta co tramo 3.
Convocatoria na Praza do Rei: 8:30. Inicio estimado: 9:30 en Área Recreativa do Pouso
Tramo 3: percorrido circular ao redor do CUVI. Parque Forestal de Beade – Montes de Sobreira (Valladares) – Parque infantil de Zamáns (debaixo da rotonda do Cuvi) – Montes de Zamáns – Lagoas CUVI – Parque Forestal de Beade
Distancia: 11,2 quilómetros. Duración: 3 horas (estimación media).
Convocatoria na Praza do Rei: 10:00. Convocatoria no Parque Forestal de Beade: 10:30. Inicio estimado: 11:30 en Parque Forestal de Beade

Percorridos
Percorrido 1. Andaina completa (40,1 quilómetros, 9 horas 30 minutos): Tramo 1 + Tramo 2 + Tramo 3.
Recomendación: para sendeiristas de longa travesía e deportistas de fondo. Dificultade: moi alta. Observación: prosigue despois da hora do xantar.
Percorrido 2. Andaina media 1 (28,9 quilómetros, 6 horas 45 minutos): Tramo 1 + Tramo 2
Recomendación: para sendeiristas de travesía e deportistas de fondo. Dificultade: alta. Observación: remátase na hora do xantar.
Percorrido 3. Andaina media 2 (20,1 quilómetros, 5 horas 30 minutos): Tramo 2 + Tramo 3
Recomendación: para sendeiristas e deportistas en xeral. Dificultade: media. Observación: remátase na hora do xantar.
Percorrido 4. Andaina curta (11,2 quilómetros, 3 horas): Tramo 3
Recomendación: para todos os públicos, particularmente familias con menores. Dificultade: baixa. Observación: remátase na hora do xantar.

Actividades multiaventura para as familias
Como novidade nesta IV Andaina polos Montes de Vigo, as familias con menores van a ter un espazo para pasar todo o día realizando actividades na natureza. Comezarase cunha pequerruta arredor do Parque Forestal de Beade. Para realizar esta actividade é preciso inscribirse no percorrido curto da Andaina, podendo optar por saír da Praza do Rei ou por incorporarse directamente no parque forestal para facer o proceso de control.

Ao rematar a pequerruta poderase facer un circuíto de multiaventura con escalada, tirolina e outros xogos. O circuíto estará aberto ata as 18:00 para todos aqueles participantes na Andaina que estean interesados. É requisito imprescindible presentar a tarxeta de participante para poder participar nestas actividades.

Ruta adaptada para persoas con mobilidade reducida
Dentro do programa de actividades que a Concello de Vigo ten programadas para persoas con mobilidade reducida incorpórase un tramo adaptado dentro do percorrido curto. Neste tramo empregarase as tres sillas que permiten realizar esta actividade. Para realizar esta actividade é preciso inscribirse no percorrido curto da Andaina.

Funcionamento da Andaina
Aqueles/as interesados en participar na Andaina polos Montes de Vigo pódense inscribir ata o 26 de maio tanto na Casa da Xuventude (López Mora 31) como en El Corte Inglés, sección de deportes (5º andar), en horario de mañá e tarde, de luns a sábado. A inscrición leva asociado a aceptación do regulamento da andaina (ver abaixo) e aboar os 2 euros (1 euros para menores de 12 anos).

Coa inscrición entregarase a tarxeta de participación e un vale para recoller entre o 23 e o 26 de maio en El Corte Inglés (sección Deportes, 5º andar) a camiseta conmemorativa da IVª Andaina polos montes de Vigo.

O mesmo día da Andaina, presentando a tarxeta de participación no control de saída establecido na Praza do Rei, entregarase un kit con material de avituallamento e promocional cortesía de Eroski-Center. Tamén ao longo do percorrido, poderase completar o abastecemento.

Unha vez chegado ao punto de saída das distintas andainas, iniciaranse as mesmas co acompañamento de persoal de organización que encabezarán os grupos e que se verán reforzados en diversos puntos críticos ou travesías por voluntarios/as das distintas comunidades de montes que se transitan.

Está previsto pechar a actividade e facer a comida no Parque forestal de Beade, agás os que fagan todo o percorrido, que continuarán pola tarde. A partir das 16:30 horas, estarán dispoñibles as lanzadeiras que volverán á Praza do Rei.

Regulamento da Andaina
Inscrición da andaina: presupón a aceptación do seu regulamento e das condicións establecidas na ficha de inscrición. O non cumprimento do regulamento pode supor a suspensión da participación.
Control de saída: terá lugar na Praza do Rei presentando a tarxeta de participante segundo os horarios establecidos no cadro previo. De cara a facilitar a maior participación posible de familias, para o control de saída da Andaina curta, os/as participantes poderán levar os coches directamente ao PF de Beade, tendo que indicalo así na ficha de inscrición.
Percorridos: cada participante configurará o percorrido que máis lle interese segundo o esquema recollido anteriormente. Por motivos organizativos, aqueles participantes que opten por realizar o Percorrido 1, despois de comer terán que pasar por un control de saída establecido a tal efecto.
Peche da andaina: a medida que se remate o tramo ou tramos escollidos no Parque Forestal de Beade, rematará a actividade organizada. Os/as participantes a partir dese momento poden desfrutar da estadía no parque ata o momento de retorno nos autobuses habilitados, que irán saíndo nos horarios previstos e a medida que se vaian completando. Tamén poderán retornar por medios propios.
Descargar todas as imaxes

Máis información