Escoitar

A "gran cabalgata" de Reis repartirá catro toneladas de caramelos

A Cabalgata de Reis deste xoves contará con 14 carrozas, 8 vehículos, 9 elementos e grupos de animación e comitiva de cabalos e xinetes, baixo a temática "O Mundo Xurásico". Caballero, nunha visita este martes á montaxe das carrozas, revelou que case 500 persoas velarán pola seguridade.

martes, 3 xan 2017
1483450715carrozas3.jpg
A temática da "gran Cabalgata" de Reis deste xoves será "O Mundo Xurásico", tal e como recordou Caballero este martes, e partirá ás 18 horas da rotonda de Isaac Peral, para continuar pola rúa Areal, subir por Oporto ata García Barbón e continuar por Policarpo Sanz ata a Porta do Sol.

Xunto á comitiva real desfilarán catorce carrozas, oito autobuses e vehículos, nove elementos e grupos de animación e a comitiva de cabalos e xinetes. Todos eles repartirán catro toneladas de caramelos sen glute, dos que ademais a metade serán tamén sen azucre. Como novidade, o alcalde indicou que a tradicional recepción oficial aos Reis Magos se celebrará ao remate da Cabalgata.

Desde a mañá do xoves, os Reis Magos estarán cos nenos e nenas ás 12 horas no Auditorio Municipal do Concello, onde haberá animacións sorpresa, chocolate quente con rosca e rosquillas. Igualmente farán a tradicional visita aos hospitais e centro socioasistenciais da cidade.

Abel Caballero trasladou que os delegados en Vigo dos Reis Magos serán o presidente do Club Celta Bosco, Carlos Álvarez, como Rei Melchor, o director do Colexio Montecastelo, José Manuel Rodríguez, como Rei Gaspar, e Ibrahima como Rei Baltasar. Este ano a Carteira Real nomea á presidenta do Club Maniotas, Paula García, para a súa representación en Vigo.

Seguridade e tráfico
O rexedor vigués aconsellou ás familias prestar especial atención aos máis pequenos durante a Cabalgata, para evitar que se perdan. Como todos os anos, o Concello de Vigo establece dous puntos de encontro para nenos perdidos -no lateral da igrexa de Santiago de Vigo e na Porta do Sol- e un punto central de emerxencias no cruce de Colón con Urzáiz.

Preto de cincocentas persoas velarán pola seguridade na xornada do xoves. Polo percorrido, que estará totalmente valado, traballarán 85 axentes da Policía Local -algo máis do dobre dunha tarde normal-, 300 voluntarios e voluntarias e 60 efectivos de Protección Civil.

No tocante ao tráfico, o Concello acordou restrinxir o estacionamento de vehículos en todo o percorrido desde as nove horas do xoves e proceder aos cortes de tráfico ás 16 horas.
Descargar todas as imaxes