Escoitar

O Concello reclama á Xunta de Galicia atención aos usuarios da Asociación San Francisco

Tras unha reunión coa dirección, o alcalde de Vigo trasladou o "apoio" municipal á entidade nas súas reivindicacións ante o goberno autonómico e afirmou que "a Xunta está obrigada a atender a San Franscisco e a garantir que os seus usuarios continúen alí se o desexan". Caballero denunciou "minusvaloración" da entidade e "desatención" por parte do goberno de Santiago.

venres, 21 ago 2015
1440160387francisco.JPG
Segundo explicou Caballero ao remate da reunión, os responsables da Asociación San Francisco trasladaron ao alcalde a súa "inmensa preocupación" polos incumprimentos por parte da Xunta de Galicia dos "compromisos verbais" adquiridos coa entidade. O alcalde de Vigo eloxiou o nivel de atención "importantísimo" da Asociación e a "autonomía" ofrecida aos seus usuarios.

"A Xunta está obrigada a atender a San Francisco e a garantir que os seus usuarios continúen alí se así o desexan", asegurou Abel Caballero, quen denunciou unha "minusvaloración" da Asociación e a "desatención" dos seus usuarios por parte da administración autonómica. O alcalde vigués trasladou "todo o noso apoio" á entidade, tanto na súa acción cos discapacitados como nas súas demandas ante a goberno de Santiago: "non concebimos a desaparición nin o mal funcionamento de San Francisco polo afogamento económico ao que se lle está a someter por parte da Xunta de Galicia. Moitas palabras e ningunha acción", concluíu Caballero.

Relatou o alcalde de Vigo tras a reunión os compromisos adquiridos pola Xunta de Galicia coa Asociación San Francisco, como son a validación das obras efectuadas no seu local, o apoio aos usuarios para que poidan optar por seguir nesta entidade e que, unha vez cheo o centro de Mos que gañou o concurso, o resto de usuarios foran atendidos pola Asociación San Francisco. Abel Caballero asegurou que "as tres liñas de acordo están a ser incumpridas pola conselleira da Xunta de Galicia".
Descargar todas as imaxes