Escoitar

Santiago Domínguez apela á solidariedade dos vigueses con Cabo Verde

O tenente de alcalde, Santiago Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, recibiron este mércores na Tenencia de Alcaldía unha delegación da Asociación de Municipios de Cabo Verde, que realiza estes días unha visita a Galicia no marco da súa colaboración co Fondo Galego de Cooperación.

mércores, 28 nov 2007
1196256936caboverde281107.jpg
"Os vigueses e as viguesas temos que seguir sendo solidarios", afirmou tras o encontro Santiago Domínguez, quen sinalou a destacada presenza de Cabo Verde en Galicia, fundamentalmente através da comunidade de caboverdianos asentada en Burela.

O tenente de alcalde agradeceu, ademais, a acollida dispensada á delegación galega encabezada por María Méndez que recentemente visitou varios concellos do arquipélago para verificar o estado de desenvolvemento dos proxectos que alí se realizan co financiamento do Fondo Galego de Cooperación e para coñecer as iniciativas que as autoridades locais presentan de cara ao futuro.

Pola súa parte, María Méndez sinalou os esforzos que se están a realizar en Cabo Verde en materia de educación e igualdade entre homes e mulleres para afirmar que as iniciativas destinadas ao desenvolvemento deste país africano "merecen toda a nosa colaboración".

En representación da delegación caboverdiana, o presidente da Cámara Municipal de Sao Miguel, Joao Duarte, agradeceu a contribución de Vigo e dos restantes concellos reunidos no Fondo Galego de Cooperación á execución de proxectos de desenvolvemento en distintos municipios do arquipélago.

A contribución do Concello de Vigo ao Fondo Galego de Cooperación para 2007 é de 64.000 euros, segundo reza o convenio de colaboración asinado o pasado 8 de novembro entre ambas as institucións.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha asociación de carácter municipalista que, co apoio da FEGAMP, favorece a incorporación das entidades locais e provinciais de Galicia a dinámicas activas de cooperación. Deste xeito preténdese evitar a fragmentación das axudas e estimular a súa maior eficacia e coordinación, así como a implicación da cidadanía. O Concello de Vigo integrouse no Fondo Galego mediante acordo plenario en agosto de 1998.
Descargar todas as imaxes