Escoitar

O Hespérides levanta áncora con destino ao Ártico

O alcalde, Abel Caballero, asistiu este mércores no peirao de trasatlánticos á despedida do Buque Oceanográfico Hespérides, que deste xeito inicia a campaña ártica española co gallo do Ano Polar Internacional. O acto contou coa presenza do ministro de Defensa, José Antonio Alonso, e da ministra de Educación, Mercedes Cabrera.

mércores, 20 xuñ 2007
1182345794hesperides200607b.jpg
O Hespérides, dependente da Armada, alberga por primeira vez proxectos científicos desenvolvidos no Océano Ártico, cos que España contribúe aos obxectivos da celebración do Ano Polar, unha iniciativa internacional que pretende aumentar o coñecemento sobre as zonas polares e as implicacións do cambio climático a escala planetaria.

O primeiro dos proxectos que acollerá o Hespérides, ATOS-Ártico, avaliará o impacto da rápida perda da cobertura de xeo, consecuencia do quecemento global, sobre o ecosistema do Océano Ártico. A fusión deste xeo libera ao océano os contaminantes depositados nel, aumenta a exposición do plancton á luz e á radiación ultravioleta e permite o intercambio de gases coa atmosfera, provocando importantes modificacións no contorno ecolóxico.

ATOS, dirixido polo biólogo Carlos Duarte, do Instituto Mediterráneo de Estudos Avanzados (Universidade das Illas Baleares-CSIC), estará a cargo dun equipo de oceanógrafos, biólogos, químicos e técnicos, tamén do CSIC, e desenvolverase durante os meses de xuño e xullo.

O segundo proxecto, SVAIS, ten como obxectivo reconstruír os cambios que ocorreron no leito mariño ao suroeste das illas Svalbard (Noruega) desde o comezo das condicións glaciais, hai tres millóns de anos, ata a época actual. Un mellor coñecemento da evolución natural dos glaciais durante épocas pasadas, máis cálidas que a actual, permitirá unha mellor comprensión dos cambios climáticos inducidos polo home na actualidade e daqueles que agardan no futuro. As investigacións no Ártico desenvolveranse desde finais de xullo a mediados de agosto e están dirixidas polo xeólogo mariño Angelo Camerlenghi, da Universidade de Barcelona.

Ademais destes, outros proxectos financiados pola convocatoria extraordinaria do Ano Polar do Plan Nacional de I+D desenvolverán actividades na zona ártica ao longo do verán.

O coñecemento dos chamados terremotos glaciais e a súa conexión cos procesos climáticos é obxecto de estudo dun proxecto que desenvolverá o Instituto de Ciencias do Espazo de Cataluña. Outro proxecto, levado a cabo pola Universidade Complutense de Madrid, investigará os mecanismos de superviviencia dos vexetais en condicións ambientais extremas. O papel do xeo mariño como axente de dispersión de sedimentos no océano e a comparación da composición da atmosfera en épocas pasadas coa actual e a súa influencia no cambio climático serán analizados por outros dous proxectos, ambos dirixidos por científicos da Universidade Autónoma de Barcelona.

O Hespérides foi botado o 12 de marzo de 1990. Está recoñecido como unha Instalación Científica e Técnica Singular e a súa xestión científica corre a cargo do Ministerio de Educación e Ciencia. A Unidade de Tecnoloxía Mariña do CSIC é a entidade responsable do mantemento da loxística e do equipamento científico do buque e achega o persoal técnico de apoio para a realización das campañas científicas a bordo.
Descargar todas as imaxes