Escoitar

O alcalde pídelle á Xunta máis investimentos na rede de saúde pública da área de Vigo

mércores, 4 xul 2001
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, aproveitou o acto de inauguración das novas instalacións do Hospital Nicolás Peña para pedirlle á Xunta que continúe investindo na mellora da rede pública de saúde da cidade. Castrillo recoñeceu que accións como a reforma deste hospital, a recente apertura do Centro de Saúde de Teis ou a construcción do Centro de Saúde de Rosalía de Castro permitirán mellorar a atención sanitaria da poboación de Vigo. Subliñou, sen embargo, que o forte crecemento da cidade esixe seguir realizando investimentos para ofrecer un servicio axeitado aos veciños e veciñas de Vigo e da súa bisbarra.

Lois Castrillo, que acompañou ao presidente da Xunta, Manuel Fraga, durante o acto de inauguración anunciou que o Concello acaba de informar favorablemente o proxecto de rehabilitación do edificio onde se vai ubicar o centro de saúde do Casco Vello. O alcalde dixo tamén que o Concello está a reservar espacio para a creación de dotacións sanitarias na redacción dos Plans Especiais que se están redactando. É o caso por exemplo, do Peri S. Roque ou do Peri de Sta. Cristina de Lavadores.