Escoitar

Xuventude presenta a oferta de actividades para o verán

mércores, 4 xul 2001
imx410.jpg
O concelleiro de Deportes e Xuventude, Santiago Domínguez, presentou a programación do Verán Xove que ofrece actividades como campamentos urbanos, xogos, ludotecas, cine, música e deportes en diversos lugares da cidade.

As ludotecas da Casa da Xuventude e do pavillón polideportivo de Coia estarán abertas de 11:30 a 13:30 e de 16:30 a 20:30 horas. As actividades que ofrecen son para nenos de 7 a 12 anos e inclúen o programa ”Eu non paso do repaso” durante o mes de xullo e dúas excursións ás illas Cíes o 5 de xullo e a Mondariz o 19 de xullo.

O campamento de Allariz será do 21 ó 29 de xullo por un prezo de 20.000 pesetas e do 30 de xullo ó 10 de agosto celebrarase no pavillón das Travesas o campamento urbano con carácter gratuíto. Unha novidade desta edición do Verán Xove é o campamento de actividades relacionadas co mar que se desenvolverá do 20 ó 31 de agosto en Bouzas co obxectivo de que os rapaces de 8 a 12 anos poidan coñeceren as artes de pesca e as diferentes embarcacións.

O Revoltallo de música emerxente de Valadares estará apoiado pola Concellería de Xuventude e contará con teatro, desfiles de moda, contacontos, xogos de rol, un torneo de espadas e concertos de diversos estilos musicais como metal extremo, reagge, tecno, sinfónico progresivo e músicas do mundo, entre outros. Será do 13 ó 19 de agosto a partir das 23:00 horas no Monte dos Pozos.

Alcabre, Zamáns, o Parque da Riouxa, Saiáns e Balaídos tamén acollerán cadanseu festival en colaboración coa Concellería de Xuventude.

Dentro do programa ”Súbete ó Castro” haberá cine e concertos ó aire libre, así como as actividades programadas para a mocidade desde o ciber municipal.

Máis información: xuventude@vigo.org
Descargar todas as imaxes